Feijóo, Ana Pastor e Alfonso Rueda arroupan aos candidatos do PP en Umia e O Salnés
Por Redacción
O presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a deputada e presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; e o presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, arrouparon este venres aos candidatos do seu partido para as comarcas de Umia e O Salnés para as próximas eleccións municipais do 26 de maio.
En sendos actos organizados en Caldas de Reis e Cambados, dirixíronse tamén ao público o candidato do PP á Alcaldía de Caldas, Fernando Pérez Domínguez; a candidata e actual alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro Arcos; o candidato de Cambados, Luis Aragunde; e a candidata do Grove, Beatriz Castro.
Os actos convertéronse en citas multitudinarias con centos de afiliados e simpatizantes ante os que Feijóo falou en clave local, pero tamén xeral, pois lembrou que nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril cada voto de centro ou de dereita que non vaia ao Partido Popular satisfará a Pedro Sánchez e aos seus futuros socios e que dividir o voto é dividir as forzas e é darlle máis posibilidades ao candidato do PSOE e actual presidente do Goberno de aliarse con Podemos e con partidos nacionalistas e independentistas.
Así, insistiu en que España precisa dunha maioría ampla e que só o Partido Popular pode acadala porque é un partido amplo e de maiorías. Apostou por "un Goberno de maiorías e que goberne" e por que o 28 de abril se peche "a paréntese do absurdo que supuxo Pedro Sánchez para a historia de España".
Na opinión do presidente do PP galego, os comicios de abril servirán para iniciar unha nova etapa de estabilidade e gobernabilidade, cun goberno que unicamente se dea aos españois, na que Galicia se teña na consideración que se merece e para que no Goberno de España haxa un referente de sentido común.