As Xuventudes Socialistas de Pontevedra reconstitúense
Por Redacción
As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) volveron constituír a súa agrupación local de Pontevedra, que este venres tivo a presentación oficial tanto da entidade como do seu máximo responsable, Santiago Abal.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra e secretaria xeral do PSdeG local, Maica Larriba; o secretario xeral das XSG, Aitor Bouza; e o candidato socialista á Alcaldía, Tino Fernández, arrouparon a Abal no seu primeiro acto público como secretario xeral electo das XSG-Pontevedra.
No seu discurso indicou que se abre unha nova etapa na organización e que a encara "con moita ilusión e con moitísimas ganas de traballar" para poder achegar aos mozos pontevedreses ás ideas socialistas, aos valores republicanos e á política en xeral no "momento tan convulso" que está a vivir España.
O secretario xeral local animou á xuventude pontevedresa a participar neste proxecto integrador, onde destacou que "cabemos todos e todas" e que van loitar contra todo tipo de discriminación e a prol dunha sociedade máis xusta, igualitaria e tolerante.
Así, defenderán unha sociedade feminista, igualitaria e "onde todos poidamos ser e amar a quen queiramos sen medo". Fronte á xenofobia, o racismo, o machismo, a LGTBIfobia e todo tipo de discriminación, anunciou tolerancia cero.
Maica Larriba amosouse "extraordinariamente contenta" con esta reconstitución e animou á mocidade do seu partido a seguir adiante, traballar e chegar á xente nova para trasladarlle "o mellor da política, os valores da política, os nosos desexos de transformar a sociedade participando na política da maneira máis fresca, máis digna posible".
Aitor Bouza tamén manifestou a súa ledicia de poder reconstituír a agrupación e púxose a disposición do secretario xeral recentemente escollido e de toda a agrupación para ter unha organización forte e conseguir un proxecto atractivo para a mocidade.