O PSOE carga contra a fusión de Cerdedo-Cotobade na presentación de Lina Garrido como candidata á Alcaldía
Por Redacción
Unhas 150 persoas acompañaron este domingo a Lina Garrido na súa presentación como candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade nas próximas eleccións municipais do 26 de maio, un acto no que contou co respaldo dos secretarios xerais dos socialistas galegos e pontevedreses, Gonzalo Caballero e David Regades, así como da presidenta de Deputación e a subdelegada do Goberno, as tamén socialistas Carmela Silva e Maica Larriba.
A candidata socialista aproveitou o acto para cargar contra a fusión entre os antigos municipios de Cerdedo e Cotobade realizada pola Xunta de Galicia, da que asegura que foi "imposta" e que non trouxo nada do "prometido" polo presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo.
"Nin máis bolsas, nin máis servizo, nin máis poboación. A fusión non trouxo nada", denunciou Garrido, que asegurou que o único obxectivo que tiñan Feijóo e o vicepresidente da Xunta e presidente do PP provincial, Alfonso Rueda, "era xuntar votos para poder conseguir máis deputados provinciais e recuperar a Deputación".
Garrido destacou que foi unha lexislatura chea de mentiras por parte do goberno popular, "mentíronnos co proxecto de Viascón, coa estrada de Almofrei e coa de Quireza", en referencia a actuación do alcalde nestes tres proxectos, que denuncia que "politizou para danar a imaxe dos concelleiros socialistas".
Carmela Silva redundou na idea dunha fusión "feita en despachos escuros" cun claro "obxectivo electoral", recuperar a Deputación de Pontevedra, e fixo balance do traballo feito desde a institución provincial durante os últimos case catro anos, nos que se investiron en Cerdedo-Cotobade 6,5 millóns de euros. Retou ao presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela (PP) a "comparar os investimentos da Deputación e da Xunta".
Presumiu, ademais, de que cando os socialistas chegaron á Deputación no goberno bipartito co BNG "tiñamos claro que tiñamos que rematar co caciquismo e o clientelismo" e lográrono, pois agora o reparto de fondos da Deputación faise atendendo a criterios obxectivos, "rematouse o amiguismo e o caciquismo do PP".
David Regades amosouse orgulloso das candidaturas socialistas encabezadas por mulleres, "pois representan o compromiso deste partido co feminismo" e destacou que as grandes transformacións das cidades en España "levan a firma dun alcalde ou alcaldesa socialista", usando como exemplo Madrid, Barcelona, A Coruña ou Vigo.
"Lina teno todo para ser alcaldesa de Cerdedo-Cotobade, empezando por unha idea diametralmente oposta desta vila á que ten Cubela", afirmou Regades, mentres que Gonzalo Caballero destacou que Cerdedo-Cotobade precisa dun cambio progresista "e ese cambio vai vir da man de Lina".