O paso pola ponte do Burgo, a partir do 7 de marzo, estará prohibido aos coches

Por Alejandro Espiño
O tráfico na ponte do Burgo ten os días contados. E nunca mellor dito. A partir do xoves 7 de marzo, xa non se permitirá o paso dos vehículos. As obras de peonalización da ponte xa son inminentes e os traballos comezarán este mesmo martes, segundo anunciou o goberno municipal.
Tras unha reunión técnica cos responsables destes traballos, a UTE Imesapi - EC Casas, o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez explicou que as obras comezarán co desmonte da rotonda da cabeceira norte, nas inmediacións da gasolineira, entre Domingo Fontán, a Avenida da Coruña e Xoán Manuel Pintos.
O obxectivo é manter a circulación nos dous sentidos de circulación unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán e os vehículos que cheguen desde a Avenida da Coruña deberán dirixirse obrigatoriamente cara á ponte das Correntes.
Ademais, realizaranse tarefas previas de provisión de material e, antes de empezar, realizarase unha inspección visual por baixo da ponte do Burgo para observar o seu estado. Tamén esta mesma semana traballarase xa na limpeza de toda a estrutura.
Non será pois ata o xoves 7 cando se corte ao tráfico a ponte definitivamente. Iso si, durante as obras manterase o paso dos peóns, sempre que sexa posible.
Ao mesmo tempo, supervisados polo arqueólogo municipal, faranse unha serie de catas na ponte para comprobar que tipo de formigón se colocou en reformas previas e calcular o peso que pode soportar a estrutura. A partir de aí demoleranse as beirarrúas e comezarase a traballar na reforma en superficie.
Nunha segunda fase a empresa Setga encargarase de renovar toda a iluminación da ponte, aínda que parte do seu traballo realizarase ao mesmo tempo que a obra civil, xa que as novas varandas terán unha peza específica coa iluminación incorporada.
O proxecto da iluminación desenvolverase en tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns poidan ver por onde pasan; e unha terceira que dará luz aos arcos polo exterior e interior.
O Concello lembra que as obras de peonalización da ponte do Burgo terán unha duración dun ano e, ademais de crear unha praza pública na cabeceira norte, tamén se actuará no entroncamento coa praza Valentín Garcia Escudero.
Relacionadas:
-
A ponte do Burgo xa está pechada ao tráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Adxudicada a reforma da Ponte do Burgo por 2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A ponte do Burgo, pechada ao tráfico despois do Nadal para a súa peonalización
Por Alejandro Espiño |
-
Dez empresas, interesadas en peonalizar e iluminar a ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño |