Carmela Silva anima ás nenas de Pontevedra a chegar a ser "todo o que soñedes"

© Victoria Regueira

© Victoria Regueira
Un total de 330 nenos e nenas de nove centros de primaria e educación especial de Pontevedra participan na terceira edición do programa DepoEmprende na Escola, iniciativa que busca incentivar o emprendemento nos rapaces da provincia.
Parte deles foron recibidos este martes no Pazo Provincial pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que asegurou estar "emocionada e orgullosa" polo traballo "espectacular" que realizan os escolares no marco deste proxecto.
Máis polo miúdo, Silva quixo mandar unha mensaxe especial ás rapazas que participan nesta iniciativa. A elas animounas a que nun futuro "sexades todo aquilo co que soñedes" e que loiten por ter as mesmas oportunidades que os homes.
A presidenta da institución provincial tamén agradeceu aos mestres e mestras dos centros educativos "porque traballan arreo con todos e con todas vós para que a aprendizaxe sexa integral e así poidades afrontar o futuro con todas as garantías".
Durante o acto, que se desenvolveu en dúas quendas, o alumnado participante realizou a presentación de cada cooperativa e posteriormente fíxose entrega de NIF a cada unha delas por parte da Deputación de Pontevedra.
Entre os centros participaban estaban o CEIP As Bizocas (O Grove), o CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), o centros de educación especial CEE Pontevedra (Pontevedra) ou os CEP Antonio Magariños Pastoriza e Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados).
DepoEmprende na Escola, dirixido a educación primaria e educación especial, ten como obxectivo que os nenos e nenas aprendan a crear e xestionar unha cooperativa para fabricar un produto concreto. Cada proxecto é, posteriormente, presentado nunha feira escolar.
Carmela Silva recibe os participantes no programa "DepoEmprende na Escola"
Un total de 330 nenos e nenas de nove centros de primaria e educación especial de Pontevedra participan na terceira edición do programa DepoEmprende na Escola, iniciativa que busca incentivar o emprendemento nos rapaces da provincia
© Victoria Regueira