Edugal abre as súas portas para ofrecer ao estudantado as posibilidades formativas do futuro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Edugal, o Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, abriu as portas da súa oitava edición este mércores 27 no Recinto Feiral, no Pazo da Cultura, cun programa de actividades e de ofertas educativas moi completo destinado aos mozos que están a estudar ensinos medios e que queren coñecer as súas perspectivas de futuro no mundo dos estudos.
Este evento que se desenvolverá ata o venres, organizado pola Asociación da Mediana e Pequena empresa de Pontevedra (AEMPE), contou na súa inauguración coa presenza do presidente deste colectivo José María Corujo; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a concelleira Anabel Gulías; a deputada Eva Vilaverde; o director xeral de Centros de Educación, José Manuel Pinal e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, da Universidade de Vigo.
Ao longo das 55 casetas que se atopan neste espazo pódense observar desde obradoiros de nós para arboricultura ata talleres de encadernación, programas de radio en directo, exhibicións de robots educativos e espazos de demostración de coctelería sen alcol e tamén de panadería e pastelería.
Pero, sobre todo, nesta ocasión a animación en vídeoxogos, o desenvolvemento do Torneo League of Legends e a exhibición do xogo Fortnite son algúns dos reclamos para as profesións que teñen máis desenvolvemento de fronte ao futuro.
Precisamente, José María Corujo no seu discurso inaugural citaba a Einstein ou a Mark Zuckerberg, creador de Facebook, para facer referencia á importancia da vontade á hora de xerar novas actividades e tarefas profesionais.
A organización espera acoller máis de 10.000 estudantes durante estes tres días, 6.000 xa confirmaron a súa asistencia a través dos seus centros educativos. Os diferentes centros con representación nesta Feira achegan a Edugal unha serie de mostras prácticas dos traballos e saídas profesionais vencelladas ás súas titulacións e os estudantes que pasaron durante a xornada de inauguración puideron comprobar os novos empregos e as novas disciplinas para formarse de cara ao futuro.
Relacionadas:
-
O Concello vería "fantástico" unha titulación sobre videoxogos no campus e ofrece a súa colaboración
Por Alejandro Espiño |
-
A científica Alicia Estévez Toranzo impulsa a vocación feminina cara á ciencia e á tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Reclaman unha titulación sobre creación de videoxogos para o campus de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Edugal incluirá un torneo de LOL e unha exhibición de Fortnite
Por Oskar Viéitez |
-
Edugal 2019 contará coa intervención da microbióloga Alicia Estévez Toranzo, premio Wonenburger
Por Redacción |