Reclaman unha titulación sobre creación de videoxogos para o campus de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Edugal é un espazo no que se ofertan as diferentes opcións educativas de cara o futuro para o alumnado de ensinos medios. Judith Meiriño, directiva de Aempe e responsable de PC Box en Pontevedra, recoñece que implementar os videoxogos como unha nova alternativa laboral é un dos puntos nos que se centra esta nova edición do Salón de Educación e de Formación de Galicia.
Por este motivo, durante esta edición desenvólvese un torneo League of Legends e unha exhibición de Fortnite, dous xogos de moda e que, sendo gratuítos, moven milleiros de millóns de euros no mercado do software.
O empresariado en Pontevedra entende que se trata dun novo nicho de mercado para o que é necesario unha titulación na universidade pública. Actualmente en Galicia só existe un máster en videoxogos na Coruña e é privado. Existe, ademais, unha gran demanda de estudantes interesados en converterse en programadores informáticos destas propostas de lecer.
Fontes empresariais avanzan que a Universidade de Vigo está interesada en que esta titulación de creación de videoxogos poida acollerse no campus de Pontevedra, onde se atopan facultades con distintas disciplinas relacionadas como Belas Artes ou Comunicación Audiovisual.
O vicerreitor Jorge Soto sinala que hai interese por moitas disciplinas e que o obxectivo é atraer titulacións para Pontevedra que sexan de longo percorrido e que xeren ilusión na cidadanía. Con todo, di que aínda é pronto para falar do mapa de novas titulacións.
Espera, neste sentido, que o próximo curso xa comece a súa andaina na Facultade de Belas Artes un novo grao, o de Deseño e Creación. Esta nova disciplina supoñería o despegamento da especialización do campus de Pontevedra como Campus Crea S2i.
Jorge Soto tamén sinalou que xa están a analizar solucións para incrementar o número de matriculacións. Deste xeito queren resolverse situacións como a que se rexistra no Grao de Dirección e Xestión Pública, uns estudos que nos últimos anos experimentaron un problema de falta de alumnado.
O vicerreitor destacou a boa saúde doutras titulacións en Pontevedra como a de Forestais, para a que se realizou un proceso de captación importante e os resultados, engadiu, iranse vendo ao longo dos próximos cursos.
Relacionadas:
-
RADIO.- A gruta de Gizamaluke pon a proba PlayStation Now e mira á E3
Por Redacción |
-
RADIO.- 'Devil May Cry 5', o xénero hack & slash faise oco en A Gruta de Gizamaluke
Por Redacción |
-
RADIO.- A Asociación RetroGalaicos e Pokémon na Gruta de Gizamaluke
Por Redacción |
-
O Concello vería "fantástico" unha titulación sobre videoxogos no campus e ofrece a súa colaboración
Por Alejandro Espiño |
-
A científica Alicia Estévez Toranzo impulsa a vocación feminina cara á ciencia e á tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Edugal abre as súas portas para ofrecer ao estudantado as posibilidades formativas do futuro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Edugal incluirá un torneo de LOL e unha exhibición de Fortnite
Por Oskar Viéitez |
-
Edugal 2019 contará coa intervención da microbióloga Alicia Estévez Toranzo, premio Wonenburger
Por Redacción |