Cerdedo-Cotobade saca a contratación 37 melloras viarias
Por Redacción
O concello de Cerdedo-Cotobade saca a contratación catro lotes de obras que inclúen un total de 37 melloras viarias consistentes en renovacións de capas de rodadura e pavimentacións, construción e limpeza de cunetas e canalizacións e execucións de ensanchamentos.
O prazo de presentación de ofertas pecharase o próximo martes 5 de marzo. O importe é de 475.178 euros.
As actuacións beneficiarán ás parroquias cotobadesas de Carballedo, Rebordelo, Loureiro, San Xurxo, Augasantas, Valongo, Tenorio, Viascón e Santa María e ás cerdedenses de Folgoso, Figueroa, Quireza, Tomonde e Cerdedo.
O primeiro lote, denominado "Accesos a Carballedo, Loureiro, Famelga e Valongo e pavimentacións e cunetas", inclúe limpeza de marxes e novo firme en Trabazo, parcelaria de Carballedo e Atalaia, cunetas en Rebordelo, A Vilalén, Frade e O Barral e pavimentacións en As Cerdeiriñas, núcleo de Valongo, Famelga, A Costa, acceso a Frade e Frade.
O segundo proxecto, correspondente con "Melloras en Tenorio e ensanchamento de Vilanova", recolle a ampliación de plataforma do vial de Areses, acceso ao ponte colgante de Calvelo, Tralamós, A Laxe, muro en A Laxe, Castro, acceso a Covas Alto, ensanchamento en Covas e Covas Centro.
A actuación "Pavimentacións en San Xurxo, Cutián, Atalaia, Viascón e pavimentación en Vila de Arriba" comprende a renovación do firme en Cuiñas, Atalaia, ponte Raposeiras, dúas pistas de O Barral, Lis, Cernadelo, Calva da Viña e Aldea de Arriba.
Finalmente, o lote chamado "Mellora de camiños en Cerdedo" actuará en Esbarrela, a conexión San Antón-Cervas, pavimentacións en Vilar, acceso e praza na contorna do local social de Viduído, acceso sur a Vilarchán e camiños interiores en Vilar.