O Concello tramita a mellora de aparcadoiros afectados por Costas e a creación do Parque da Dignidade
Por Anxo Lourido
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, destacaba este xoves o traballo conxunto que se está desenvolvendo desde a administración local con Costas para tramitar a deafectación de terreos situados na contorna do Burgo. Neste sentido, sinalaba que se estableceron acordos para actuar nos denominados aparcadoiros "de bordo" ou disuasorios e tamén para crear un gran parque en Praceres.
PARQUE DA DIGNIDADE
Desta forma, Demetrio Gómez avanzou que na parroquia de Lourizán está previsto integrar a antiga zona do campo de fútbol e darlle un tratamento de zona de bosque, coa intención de "tapar" as instalacións da depuradora e ofrecer unha saída visual cara a ría.
Os servizos técnicos están elaborando o anteproxecto, que non poderá contar con construcións duras por riba do terreo e que se centrará en establecer unha zona de paseo nun espazo cunha extensión dunha hectárea. Esta superficie vai unirse á praza dos Praceres.
APARCADOIROS DISUASORIOS
Entre os proxectos de aparcadoiros disuasorios, o Concello quere intervir na parcela de instalación dos circos, nos terreos de Mollavao.
Demetrio Gómez explicaba que se actuará na zona de dominio público coa idea de trasladar o espazo para os circos á zona próxima ás vías de tren, próxima ao antigo almacén de áridos.
O resto do terreo quedaría para aparcadoiro público, duplicando as 185 prazas actuais. O proxecto sería provisional á espera de que se resolva o expediente definitivo sobre esta zona, que inclúe a creación dunha estrada. A idea sería eliminar o actual valado e mellorar ese espazo para integralo co paseo do río.
Tamén se quere ofrecer un tratamento axeitado nunha parcela situada na rúa Marín Códax, nas proximidades ao Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira. Neste punto estableceríase outro espazo de aparcadoiro.
Outra das superficies onde se están a recoller máis demandas de arranxo é a da zona de aparcamento fronte ao Pavillón dos Deportes. Demetrio Gómez recoñecía que se encontra en malas condicións pero este terreo se atopa á espera de que sexa desafectado e deixe de ser zona de protección marítimo terrestre para que o Concello poida intervir cun tratamento das pluviais e a mellora do pavimento.
O goberno local agarda que os anteproxectos estean listos en breve prazo de tempo para que se poidan tramitar de forma rápida e as melloras destes espazos se acometan canto antes.
Relacionadas:
-
Unha pradería verde rodeada de árbores autóctonas, proposta para o Parque da Dignidade
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello negocia con Costas a cesión de terreos en Ponte Sampaio, Mollabao, Malvar e na contorna do Pavillón
Por Redacción |
-
Reordenan os aparcamentos nas inmediacións do Vidal Portela e do Marcos da Portela
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello acelera con Costas os trámites para desafectar os estacionamentos do pavillón
Por Redacción |
-
Respaldo unánime a converter o antigo campo de fútbol de Praceres en zona deportiva e de lecer
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |