Defensa oferta 160 prazas de militares profesionais na base de Figueirido
Por Redacción
O Ministerio de Defensa convoca un novo ciclo de selección de 3.250 prazas para o ingreso como militar profesional da escala de tropa e mariñeiría das Forzas Armadas, o que supón un aumento de 250 prazas con respecto ao ciclo único de selección do ano 2018.
Entre toda esta oferta destaca que o Exército de Terra convoca para unidades da Brigada Galicia VII Brilat, 160 en Figueirido (Pontevedra) e 148 en Siero (Asturias).
Ademais, a Armada convoca 89 prazas para buques e unidades da zona norte (Ferrol, Tui, Marín, San Sebastián, Bilbao) e o Exército do Aire convoca 7 prazas das cales 1 é para o Aeródromo Militar de Santiago (A Coruña), 1 para o Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 en Noia (A Coruña) e 5 para a Academia Básica do Aire en León.
Para abordar esta convocatoria iníciase na Área de Recrutamento da Subdelegación de Defensa en Pontevedra o proceso de selección rexido por un sistema de concurso – oposición.
Entre outras condicións para poder participar no proceso, está o ter cumpridos 18 anos e non superar a idade máxima de 29 anos o día de incorporación ao centro de formación militar correspondente. Ademais a persoa que aspire a unha destas prazas deberá de carecer de antecedentes penais e non ter aberto ningún procedemento xudicial por delito doloso e terá que estar en posesión dos niveis de estudos ou da titulación esixida que como mínimo será o de Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou os seus equivalentes.
Para participar no proceso selectivo é necesario solicitar cita previa, para o que se dispón desde o 22 de febreiro ao 7 de marzo de 2019.