A senda peonil entre Vilaseca e Lapamán estará rematada no verán
Por Redacción
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este xoves a senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín, que estará a disposición dos veciños e dos turistas no verán.
Nestes momentos os traballos, que comezaron este mes, xa se centraron na metade dos muros de contención, que se fan para gañar espazo para a senda. A continuación, a senda construirase pola marxe dereita da estrada, polo lado do mar e será en formigón coloreado para que sexa facilmente visible por todos os usuarios, tamén por parte dos condutores.
Ademais, uns metros máis adiante, na parroquia de Ardán, o itinerario atravesa un pequeno rego, nese punto está prevista unha pasarela de madeira, que irá ancorada á estrutura da ponte xa existente.
Tamén se habilitará unha banda de aparcadoiro en liña, nas proximidades da praia de Lapamán, paralelo á estrada e cunhas 35 prazas.
Por outra banda a conselleira anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as obras da rúa Concepción Arenal, para a que se asinou un convenio co Concello o pasado ano.