Os socialistas instan á Xunta a incluír charlas de sensibilización no protocolo escolar sobre liberdade de xénero
Por Redacción
"A loita das persoas transexuais é a loita polo dereito a decidir a identidade propia e, polo tanto, está no ADN do Partido Socialista apoiala e reivindicala". Esa foi a mensaxe transmitida polo líder do PSOE local, Tino Fernández, aos membros da Asociación de Familias de Menores Trans "Arelas", cos que este xoves mantivo unha reunión de cara a coñecer as súas principais demandas e plantexarlles medidas concretas para respostar ás súas necesidades.
Ao encontro asistiron a secretaria de "Arelas", Mónica Rodríguez Outeda, e dúas nais do colectivo, Vanessa Papiri e Ana Rodríguez, así como a activista trans Ada Otero, e o menor Brais Fernández, o quinto rapaz en Galicia que acadou un cambio de nome e de sexo no seu DNI.
A asociación, de carácter autonómico, conta en Pontevedra cun Punto de Información ubicado no Hospital Provincial, no que prestan servizo os venres pola tarde, de 16 a 18 horas.
Segundo precisou Mónica Rodríguez, nestes intres hai 27 familias asociadas a "Arelas" en toda Galicia, se ben "existen outras que non son socias", pero "ás que obviamente non se lles deixa soas" e se lles presta toda a axuda que precisen. A súa labor fundamental consiste en informar aos pais e nais, axudarlles a aceptar a realidade dos seus fillos e fillas e acompañalos en todo o proceso de cambio mediante un seguimento persoal.
A voceira de "Arelas", que realiza labores de acompañante e asesora para as familias de menores trans, fixo fincapé na importancia das "iniciativas, charlas e eventos que permitan a visibilización do colectivo". Para Mónica Rodríguez, nai dunha nena trans de 8 anos, un dos eixos fundamentais da súa loita consiste en lograr que "haxa máis formación nos centros escolares, tanto para os alumnos como para os profesores".
"O ACOSO É MOI ALTO: INSULTOS, AGRESIÓNS E EXCLUSIÓN"
Non obstante, os menores trans sofren aínda moita discriminación en cuestións que pasan desapercibidas para o resto da sociedade e para as administracións, como o acoso doutros compañeiros ou o feito de seren chamados na escola por un nome que non é o seu (mesmo a imposibilidade de cambialo na aplicación educativa autonómica Xade mentres a identidade non se modifique tamén no seu DNI). Segundo denuncia Mónica Rodríguez, "dáse un índice de acoso moi alto, que non só se queda nos insultos e nas agresións físicas, senón nuns niveis de exclusión absoluta".
Tal e como subliña a secretaria de "Arelas", existe un protocolo educativo autonómico para garantizar a igualdade, a non discriminación e a liberdade de xénero, "que se supón que os centros escolares teñen que cumprir" (con directrices como permitirlles ir ao cuarto de baño que lles corresponde). Sen embargo, non todos o fan, polo que, como lle transmitiron os membros do colectivo a Tino Fernández, os rapaces e rapazas "acaban dependendo un pouco da boa vontade dos centros".
"ALGÚNS DOCENTES NÉGANSE A CHAMALOS POLO SEU NOME"
"O protocolo di que os profesores deben chamar aos menores polo seu nome sentido en todo momento, tanto para os exames como para pasar lista na aula. Non se pode mencionar o outro nome. Nalgúns centros, hai certos docentes aos que non lles dá a gana e seguen empregando o nome anterior para pasar lista", denuncia Mónica Rodrígez.
Coa finalidade de evitar estas discriminacións, os membros da asociación acoden aos colexios e institutos para dar charlas de sensibilización cada vez que se activa o protocolo. En opinión de Mónica Rodríguez, esta tarefa informativa resulta esencial, xa que "alumnos e profesores aínda teñen moitas dúbidas ao respecto". "Cando se lles dá unha charla -sinala- e se lles forma ben, non soen producirse problemas e non se dan casos de acoso, xa que os rapaces saben o que é a transexualidade e ao que se enfrontan. O problema dáse cando o centro escolar non permite estas charlas, xa que non son obrigatorias no protocolo. Algúns centros rexeitáronnos as charlas e é precisamente neles nos que soemos ter problemas".
Tino Fernández amosou o absoluto respaldo do Grupo Municipal do PSOE coa loita e reivindicacións do colectivo, que se fixeron aínda máis importantes "nun contexto no que a ultradereita quere acabar co dereito das persoas a decidir a súa sexualidade, o seu xénero e, en definitiva, a súa identidade". O candidato socialista á Alcaldía instou á Xunta a que as charlas de sensibilización promovidas por "Arelas" se inclúan "de xeito obrigatorio" no protocolo autonómico sobre non discriminación e liberdade de xénero.
Asemade, Tino Fernández comprometeuse cos familiares de menores trans a impulsar o labor de visibilización que está a facer a asociación, tanto nos centros educativos como noutros ámbitos. Segundo lle transmitiron os membros do colectivo, "Arelas" está a traballar na organización dunha campaña publicitaria, consistente na colocación de fotografías en marquesinas e outros elementos do mobiliario urbano, co obxectivo de que se poidan visibilizar cuestións como o acoso escolar ou a importancia da concienciación das familias e o activismo.
O líder dos socialistas lamentou o constante "ton machista, racista, homófobo e discriminatorio contra o colectivo LGBT que o PP adoptou dende que Pablo Casado tomou as rendas do seu partido". "Están a perder o Norte e tamén o centro. Ao PP e a Ciudadanos non só non se lles cae a cara de vergoña ao abrirse a pactar cun partido de ultradereita, senón que entraron nunha especie de competición con Vox por ver quen é máis reaccionario dos tres".
Relacionadas:
-
Monólogos e coloquios darán visibilidade ao colectivo trans
Por Almu Dapena |
-
Ada Otero, a primeira candidata transexual ás municipais, pon xa un acento reivindicativo no 8M
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
O PSOE propone un viveiro de empresas para produtos agrícolas para Xeve e Bora
Por Oskar Viéitez |