Abanca e a Deputación reeditan o seu plan de financiamento a familias e pemes coa vista posta na internacionalización
Por Redacción
As pemes, autónomos, familias e concellos da provincia de Pontevedra teñen á súa disposición unha liña de crédito de 50 millóns de euros para que poidan impulsar os seus proxectos e, desta maneira, contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da provincia. É o resultado do convenio que acaban de renovar a Deputación e a entidade Abanca no marco do Plan Activamos.
O programa chega este ano á súa quinta edición cun balance positivo dos anos anteriores como tarxeta de presentación. Así, en 2018 o Plan Activamos posibilitou a inxección na provincia de 47 millóns de euros en crédito a través dun total de 1.899 operacións e desde o seu inicio no ano 2014 suma 221,8 millóns de euros en volume de crédito, cun total de 9.549 beneficiarios.
As cifras puxéronse sobre a mesa este venres con motivo da firma do protocolo de colaboración entre Abanca e a Deputación para a edición 2019. Asinárono, por parte da institución provincial, o deputado Carlos López Font, e en nome da entidade bancaria, o seu director de Banca Institucional, Santiago Novoa. Ademais, estivo presente a directora territorial do banco en Pontevedra, Carmen Fernández.
Santiago Novoa destacou que se trata dunha iniciativa financeira "afianzada" como unha ferramenta de financiamento clave para o tecido produtivo pontevedrés, que recibiu máis do 95% do volume total de crédito concedido, mentres que Carmen Fernández resaltou que os créditos ofertados a través do Plan Activamos contan cunhas condicións moi vantaxosas, con tipos de xuro baixos, flexibilidade no pago e sen comisiones de estudo, amortización ou cancelación anticipada, condicións "moi favorables co propósito principal de mellorar a competividade das pequenas empresas e autónomos da provincia e de apoiar financeiramente ás familias".
Carlos López Font destacou que a importancia da cifra da que se está a falar "o di absolutamente todo" e puxo de relevancia a "cantidade de posibilidades que ofrece" a aqueles aos que está dirixido. Ademais, insistiu en que esta firma vai a reverter en aqueles que máis o necesitan: familias, empresas e corporacións locais.
O Plan Activamos inclúe seis liñas de crédito para financiar proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos empresariais, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética de instalacións, necesidades de circulante e, como novidade desta quinta edición, unha nova liña dirixida a financiar a internacionalización de pemes e autónomos da provincia, con préstamos 'brandos' para apoiar a entrada en novos mercados do exterior. En relación con esta novidade, Santiago Novoa destacou que queren "apoiar o actual ciclo exportador de Galicia, que está alcanzando cifras históricas de exportacións".
Mantén o resto das súas características identificativas e ten, un ano máis, como principais destinatarios as pemes, micropemes e autónomos. Para as familias, o plan oferta préstamos con tarifas especiais para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar para mellorar a accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións do rural pontevedrés. De cara ás corporacións locais, dáselle a opción de optar a préstamos para acometer pequenos investimentos nos seus municipios ou atender necesidades de tesourería, entre outras liñas dispoñibles.