Jacobo Moreira advirte aos comuneiros de Salcedo do risco de porfiar coa Brilat polos terreos da base
Por Redacción
O voceiro do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira, e o concelleiro Pablo Fernández reuníronse este mércores con representantes dos comuneiros de Salcedo para transmitirlles persoalmente o seu "receo a que a negociación que manteñen coa Brilat termine mal para as dúas partes, pero sobre todo para unha terceira, a cidade de Pontevedra".
Segundo informou o PP nun comunicado, o encontro, que se celebrou na sede dos comuneiros en Salcedo, serviu para trasladar ao presidente comunal, Fernando Pintos, o seu respecto fronte ao dereito do colectivo ao que representa a reclamar e defender os intereses que considere pertinentes, pero tamén para amosarlle o seu desacordo coa súa postura. Así, consideraron unha "obriga" pola súa parte solicitar o encontro para "advertirlle do risco real de porfiar coa institución militar".
"Pintos díxonos que era totalmente consciente da situación, pero hai que recordarlle o moito que se está a xogar Pontevedra nesa partida, porque ademais estamos seguros de que innumerables concellos españois ofrecerían hoxe terreo gratis para contar cunha inxección económica como a que supón este centro militar", defenderon Moreira e Fernández.
Concelleiros e comuneiros repasaron xuntos as cifras nas que se está a desenvolver a negociación, isto é, os 5.000 euros por hectárea que pide Salcedo fronte aos 400 que ofrece hoxe a Brigada. A Brilat ocupa aproximadamente 172 hectáreas de Salcedo, 25 de Figueirido e 20 de Vilaboa.
Como Salcedo reclama a devolución de 80 hectáreas, esta comunidade está a aspirar a un canon anual de 450.000 euros. A cantidade aumentaría ata uns 600.000 euros contando os terreos das tres entidades y a 850.000 se a institución castrense conseguira outras 38 hectáreas que pretende sumar da comunidade de San Xulián.
"Evidentemente, as diferenzas entre as dúas posturas e sobre todo a previsible existencia doutras opcións de emprazamento para a Brilat en moitos lugares, non resultan nada tranquilizadoras neste momento para a nosa cidade", indica Moreira.
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Salcedo apostan por seguir negociando convencidos de que a Brilat non abandonará Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Louzán e Moreira piden responsabilidad para evitar que a Brilat se vaia de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
A Brilat estuda "seriamente" abandonar Pontevedra ao entender que o acordo con Salcedo é "imposible"
Por Alejandro Espiño |