Abre o primeiro tramo de Benito Corbal para o desfile do entroido do sábado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Pontevedra deixa aberta a rúa Benito Corbal, entre Sagasta e Lepanto, na xornada deste venres para garantir o desfile do entroido do sábado pola tarde. O primeiro tramo desta reforma xa está acabada, agás o asfaltado, que se fará ao final de toda a obra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comprobou a situación da rúa na que se traballaba retirando o valado e pendente dun fresado final nas últimas horas.
A obra suspenderase até despois do entroido, cando se retome para completar a ampliación de beirarrúas (1,20 metros a ambos lados), a eliminación do estacionamento no lateral esquerdo e a creación de aparcamentos de servizo no dereito dende Lepanto a Cobián Areal. Quedará un carril de circulación que dará servizo aos establecementos comerciais e tamén ao estacionamento de Barcelos.
O entronque coa rúa Lepanto farase ao final da obra, agardando a que a Xunta remate a súa actuación no vello edificio administrativo, e coincidindo coa propia reforma da rúa Lepanto que tamén está adxudicada. Esta última actuación non se comezou por recomendación técnica que desaconsellaba realizar en paralelo as dúas obras.
A parte final dos traballos será o asfaltado de todo o tramo reformado, que se fará unha vez que conclúa a ampliación de toda a rúa.
O alcalde lembrou que se trata dunha obra demanda polos comerciantes que reclamaban estacionamentos de servizos e máis espazos para os peóns, especialmente nesta rúa cunha densidade de tránsito peonil moi elevada.
A reforma de Benito Corbal foi adxudicada á empresa E.C.Casas por valor de 147.587,89 euros.
Relacionadas:
-
Esta semana remata a reforma de Benito Corbal co asfaltado da rúa
Por Redacción |
-
Comeza a reforma do segundo treito de Benito Corbal con cambios de tráfico
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os Solfamidas inician "o mellor Entroido do mundo" con Lores tocando o bombo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O sábado haberá cortes de tráfico polo desfile do Entroido
Por Redacción |
-
A Xunta remata a cuberta exterior do edificio de Benito Corbal
Por Redacción |
-
Benito Corbal, pechada por obras
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Adxudican por 183.401 euros as obras para a reforma integral da rúa Lepanto
Por Natalia Puga |