Danlle o alto por conducir sen luces e descobren que vai drogado e transportando cogollos de marihuana
Por Oskar Viéitez
Un delito contra a seguridade seguridade viaria e outro contra a saúde pública, ademais dunha sanción administrativa son os cargos que acumula un mozo de 31 anos, que foi interceptado por axentes da Policía Local de Pontevedra cando circulaba co seu coche polo centro da cidade.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Pontevedra, unha patrulla deulle o alto a este home cando, o pasado xoves ás 22:15 horas, conducía un vehículo pola rúa Eduardo Pondal, case á altura do cruzamento con Uxío Novoneyra.
O home ía coas luces do coche apagadas polo que a Policía lle dió o alto para advertirlle. Resulta que o individuo é un vello coñecido dos forzas da orde con antecedentes por tráfico de drogas, e ao falar cos axentes negouse a presentar a súa documentación, o que levantou as súas sospeitas.
Tras facer unha consulta, os axentes comprobaron que o mozo ten o permiso de conducir retirado tras perder todos os puntos do carné. Ademais, deu positivo no test de drogas por cocaína e cannabis.
Aínda por riba o vehículo desprendía un forte cheiro a marihuana que, como puideron comprobar os axentes, proviña dunha bolsa que levaba con 70 gramos de cogollos.
Por todos estes feitos este individuo foi trasladado ás dependencias da Comisaría Provincial da Policía Nacional para ser posto a disposición xudicial.