A Xunta entrega tractores para a prevención de incendios forestais
Por Oskar Viéitez
O concello pontevedrés de Moraña e o distrito forestal XVI do Deza (do que forma parte Cerdedo-Cotobade) dispoñen dende este luns de dous novos tractores para a prevención de incendios forestais, en virtude dun convenio financiado pola Consellería do Medio Rural, cun importe máximo de 85.000 euros cada un.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega destes vehículos no parque de maquinaria da Consellería de Medio Rural en Pontevedra.
Con este tipo de convenios trátase de facilitar, por parte da Xunta, os traballos de limpeza de matogueira no ámbito de competencias das entidades locais.
Neste contexto, recentemente asináronse os correspondentes documentos en toda Galicia, e en virtude destes acordos, Medio Rural comprometeuse a financiar a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados. A axuda destínanse á compra dun tractor con dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente ten que aboalo cada concello.
A Consellería continuará con esta iniciativa e proseguirá achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros só este ano, para a adquisición de novos tractores, ata chegar á entrega de 35 neste exercicio para concellos de toda Galicia.