As obras de ampliación da residencia de Cerdedo estarán rematadas a finais de 2020
Por Redacción
As obras de ampliación da residencia de Cerdedo, en Cerdedo-Cotobade, estarán rematadas a finais do ano 2020, segundo confirmou este luns o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, Perfecto Rodríguez.
O xerente do consorcio visitou as obras de ampliación da residencia acompañado polo presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, pois trátase dun servizo da rede de centros para a atención aos maiores da Xunta.
O consorcio ten en construción un novo edificio anexo ao actual que comparte os servizos de centro de día e residencia. Unha vez rematado, permitirá que aumente a oferta de prazas residenciais de 18 a 48.
O actual inmoble dedicarase en exclusiva a centro de día, mantendo a súa capacidade máxima para 30 usuarios, pero mellorando polo tanto a calidade na prestación do servizo para os maiores.
Durante a visita, Perfecto Rodríguez deu por resoltos os problemas que se produciran na fase inicial das obras, que ocasionaron un lixeiro atraso sobre o previsto. Foi necesario consolidar o muro de contención da vía pública que linda coa parcela na que se levanta o novo inmoble.
Rodríguez e Cubela supervisaron o desenvolvemento das obras, nas que a Consellería de Política Social, a través do consorcio, inviste un total de 1,7 millóns de euros, repartidos en tres anualidades, desde o pasado ano 2018 e ata 2020. Este orzamento inclúe os custos de dirección de obra e estudos, así como o equipamento do novo edificio.
Relacionadas:
-
A Xunta licitará este mes o equipamento da residencia de maiores de Cerdedo
Por Redacción |
-
A nova residencia de maiores de Cerdedo deixa ver xa a súa estrutura
Por Redacción |
-
Fronte ás críticas do PSOE a Xunta garante a xestión pública na nova residencia para maiores
Por Redacción | Creada e actualizada