O centro social de Alende acollerá unha unidade de atención a persoas con alzhéimer
Por Redacción
Moraña contará coa desexada unidade de atención a persoas con alzhéimer. Estará situada no futuro centro social de Alende, na parroquia de Santa Xusta, que ocupará as dependencias de antiga cámara agraria do lugar.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a alcaldesa, Luisa Piñeiro, mantiveron esta tarde unha xuntanza informativa coa veciñanza para explicarlles ambas iniciativas.
A actuación consistirá, en primeiro lugar, na rehabilitación integral do histórico edificio para a súa adecuación como centro social. A Xunta de Galicia investirá 200.000 euros nestes traballos, que sairán a licitación nas vindeiras semanas.
O centro acollerá atención sociosanitaria para a terceira idade e actividades e usos veciñais e crearanse dez prazas para dar atención terapéutica a persoas con alzhéimer.
Este novo inmoble vai acoller o desenvolvemento de iniciativas sociais e da terceira idade, como eventos de envellecemento activo, encontros interxeracionais con participación da mocidade, accións de promoción da autonomía persoal ou actividades de prevención da dependencia, entre outras. Servirá tamén para certos usos veciñais e reunións da zona.
O edificio, que mantén na actualidade unha estrutura en pedra do país e conta con 217 metros cadrados de planta, vaise restaurar de xeito integral ao tempo que se habilitan distintas estancias no seu interior a través dunha actuación que respectará a fisionomía do inmoble.
Así, dotarase dun amplo vestíbulo de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala xeral cunha superficie de 130 metros cadrados, todo iso sostido por grandes vigas de madeira de abeto.
Relacionadas:
-
Fabiola García supervisa os traballos para converter a antiga Cámara Agraria de Moraña en centro social
Por Redacción |
-
A apertura do centro social de Alende cunha unidade pública de alzhéimer, a principios de 2020
Por Redacción |
-
Moraña ultima os Orzamentos 2019 cun "forte investimento social"
Por Redacción |
-
Proxectan a conversión de antiga cámara agraria de Alende en centro social
Por Redacción |