O PSOE reclama un "plan de respiro" para aliviar os coidadores de persoas dependentes
Por Redacción
Aliviar a sobrecarga física, psicolóxica e emocional dos coidadores de persoas dependentes. Ese debe ser o obxectivo do programa de respiro familiar que o PSOE reclama ao Concello.
Coa posta en marcha deste plan, que será solicitado polos socialistas no próximo pleno da corporación, os coidadores disporían da figura dun profesional que os substituíse durante un número determinado de horas ao mes.
A iniciativa busca dar resposta a unha problemática social que se complicou nos últimos anos por mor do envellecemento demográfico que sofre Galicia, onde hai máis de 192 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16.
Esta situación, segundo os socialistas, tradúcese nun incremento exponencial de persoas dependentes, ás que se lles suman aquelas que teñen unha discapacidade, o que dá como resultado unha elevada cifra de cidadáns que precisan de coidadores ou coidadoras para atender as súas necesidades diarias.
O perfil destes coidadores, que na súa maioría son os propios familiares, coincide co dunha muller adulta de entre 45 e 65 anos, existindo numerosos casos de maiores que teñen ao seu cargo a outros maiores dependentes, como sucede en parellas nas que un membro coida doutro cun estado de saúde máis deteriorado.
A moción socialista incide no feito de que a meirande parte dos coidadores "non teñen unha remuneración salarial e non reciben axuda doutras persoas", o que deriva nunha "gran carga emocional" e na aparición de problemas físicos e psíquicos asociados á tensión de atender de xeito constante a un familiar.
Este programa de respiro familiar "permitiríalles relaxarse, poder dar un paseo cos amigos, facer a súa vida, pensar noutras cousas e ter un desafogo", sinala o voceiro do PSOE, Tino Fernández, sendo substituídos por un profesional unha serie de horas ao mes, de xeito que poidan investir ese tempo en descansar ou en realizar actividades de ocio.
Fernández matiza que, se ben é a Xunta de Galicia a que ten a responsabilidade de impulsar este tipo de servizos, o seu partido "non podía quedar de brazos cruzados ante o xa habitual desprezo do PP por calquera proxecto que supoña axudar a cidadáns en situacións persoais complicadas ou con poucos recursos".
Relacionadas:
-
O PP leva ao pleno municipal o caso da cuñada de Carmela Silva
Por Anxo Lourido |
-
O PSOE pide máis limpeza en Eduardo Pondal e propón parques caninos e unha zona infantil de xogos
Por Redacción |
-
A Xunta de Galicia intensifica os coidados no fogar para as persoas maiores con dependencia que viven en Pontevedra
Por Redacción |