Concentración ante o Hospital para denunciar que non hai contratacións temporais
Por Oskar Viéitez
Un grupo de traballadores concentráronse este xoves ante a entrada principal do Hospital Provincial de Pontevedra para denunciar o "dramatismo dos aspirantes ás vinculacións temporais que integran as listaxes de contratación de todas las categorías do SERGAS" na área da capital.
Durante a protesta denunciouse "unha situación de precariedade laboral cada vez mais extrema", que segundo apuntan "levanos á marxinalidade dun colectivo que busca un futuro profesional que se torna mais negro polas políticas de xestión de dita administración".
En concreto criticaron que non se cobren todas as baixas temporais, así como as coberturas onde se precisan efectivos, o "baile de privatizacións e peches de plantas de hospitalización".
"Non se cobren baixas nin por xubilacións, nin por vacacións, nin por ausencias, existe falta de transparencia na xestión das listas de contratación, privatizanse servizos e por riba pechanse camas durante cinco meses, as consecuencias xa as sabemos: precariedade laboral, carga de traballo nos compañeiros e compañeiras, perdida de calidade asistencial e a exclusión laboral de centos de traballadores e traballadoras que despois de moito esforzo persoal e económico, para formarnos, non podemos traballar", leron nun comunicado.