Tania Varela pide ao tribunal que a xulga por branqueo de capitais "una sentencia justa" e que se declare a súa inocencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A narcoavogada Tania Varela, condenada a sete anos de prisión pola súa participación nun alixo de dúas toneladas de cocaína, exerceu este xoves o seu dereito á última palabra no xuízo no que se enfronta a unha acusación de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico para pedir que a absolvan.
"Lo que les quiero pedir es una sentencia justa", indicou ao termo da segunda xornada do xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra, e explicou que o seu obxectivo é "que se declare mi inocencia" da comisión do delito de branqueo e que se poida "restablecer todo lo que se ha vertido sobre mí", en alusión ás acusacións realizadas sobre a súa persoa nos últimos anos.
Como avogada de profesión que é, dirixiuse ao tribunal con termos xurídicos e, tras subscribir todas as alegacións do seu avogado defensor, concluíu que "de toda la prueba practicada, nada ha desvirtuado de ninguna manera la presunción de inocencia" e que o fiscal do caso, o responsable Antidroga, Pablo Varela, "no fue capaz de probar" que os fondos cos que adquiriu a metade dunha leira en Porto Meloxo (O Grove) e un Audi A3 "procedían del narcotráfico".
O fiscal considera que Varela enriqueceuse "co produto da venda de substancias estupefacientes" e, coa finalidade de ocultar o patrimonio obtido das referidas actividades ilícitas, durante os anos 2005 e 2006, investiu "diñeiro efectivo con orixe no narcotráfico" en adquirir un Audi A3 e un terreo en Porto Meloxo. Xa na súa declaración na primeira xornada do xuízo, ela negou calquera actividade relacionada co tráfico de drogas e asegurou que esas adquisicións foran sempre con diñeiro procedente da súa actividade legal como avogada do CIM de Cambados, asesora da confraría desta localidade, letrada con despacho propio e socia dunha empresa de promoción inmobiliaria.
As súas palabras puxeron fin a unha sesión na que declararon tres testemuñas. O antigo patrón maior da Confraría de Cambados, Benito González, explicou que durante unha época fixo traballos para a entidade e pagáronlle por iso.
O seu antigo socio na sociedade coa que comprou os citados terreos explicou que para a súa adquisición puxo cada un deles 45.000 euros e que o Audi comprobárono con diñeiro da empresa e a nome da mesma para poder ter o beneficio fiscal de desgravar o IVE. Ao principio só conducíao ela "porque yo tenía lo mío", pero logo interveuno a Policía e, cando o recuperaron, pasou a conducilo el.
Tan só un mes despois da achega deses 45.000 euros, Tania vendeulle a súa participación na sociedade sen recibir nada a cambio "porque la sociedad iba mal". Respecto diso, a acusada declarara que o fixo por motivos persoas, a consecuencia dos supostos celos da parella do seu socio.
A terceira testemuña da xornada foi, por videoconferencia, un home condenado xunto a ela polo alixo de 2.000 quilos de cocaína, de quen o fiscal considera que pertencía á mesma organización e que a acompañou a asinar ao notario a adquisición de Porto Meloxo. El recoñeceu que a acompañou e que se reuniu con ela noutra ocasión, pero insistiu en que non tivo "ningún negocio con Tania" e que nunca lle pagou nada para os seus negocios.
Esta testemuña recoñeceu que tamén coñecía a David Pérez Lago, fillastro do coñecido narco galego Laureano Oubiña e condenado tanto na causa por narcotráfico como por esto mesmo branqueo polo que agora se xulga a Tania. El xa foi xulgado e condenado coa súa conformidade a tres anos de prisión en 2016, cando Varela estaba fuxida.
Ademais, estaba citado a declarar o propietario que lle vendeu os terreos do Grove, pero rexeitouse o seu testemuño pola existencia dun informe forense que o desaconsella polo seu estado de saúde. Si se leron en sala as súas palabras en fase de instrución, segundo as cales Tania Varela acudiu a unha notaría para asinar a compra da parcela acompañada por outro home, pero só asinou ela. Tamén foi a que pagou, 20 millóns das antigas pesetas, 120.000 euros, en efectivo que levaba dentro dun bolso, "casi todo en billetes de 20 euros". A compra se escrituró por 90.000 euros, pero tanto o vendedor como o fiscal sosteñen que pagaron 30.000 máis en B.
Tras o xuízo, o fiscal considerou probado que a acusada é responsable dun delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e elevou a definitivas as súas conclusións iniciais, nas que pide que sexa condenada a tres anos e medio de prisión. Así, parécenlle "poco creíbles" e "absolutamente insustentables" algúns dos seus argumentos, como que deixou uan sociedade á que acababa de achegar capital sen recibir nada a cambio polos celos da parella do seu socio.
Ademais, sostén o fiscal que non se pode demostrar a trazabilidad da orixe do diñeiro investido e chama a atención sobre o feito de que eses terreos non se venderon ata 2018, pasando 12 anos sen actividade a pesar de estar nun lugar de fácil venda, porque "ya había un dueño, que no es ninguno de los que figuran", senón que quen "movían los hilos" eran os integrantes dunha organización criminal dedicada ao branqueo, entre eles, David Pérez Lago. Ese dono era "aquel para el que trabajaba Tania".
O representante do ministerio público non ten ningunha dúbida de que ese diñeiro "procede del dinero ilícito" e tacha de "hilarante" o testemuño do seu ex socio, mentres que o avogado da defensa, Bernardino Rodríguez, considera que non se acreditou esa orixe ilícita e critica que se lle considera narcotraficante tan só por relacionarse con narcos."Simplemente por relacionarse con alguien que lo hace, ¿merece ese título? ¿Por relacionarse con un actor, seria una actora (sic)?".
O letrado, ademais, insistiu en que esta causa penal baseouse nunhas escoitas telefónicas autorizadas cando xa empezaran e que a detención de Tania no seu momento foi "fuera de todo orden legal". O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
O Supremo confirma a condena á ' narcoabogada' Tania Varela por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico
Por Natalia Puga |
-
Tania Varela, condenada por branqueo de capitais a un ano e oito meses de prisión
Por Natalia Puga |
-
Tania Varela, a 'narcoabogada' que sinte "rechazo" polo narcotráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A narco avogada Tania Varela será xulgada na Audiencia a principios de 2019
Por Natalia Puga |
-
A caída de Tania Varela ou "cómo muchas veces el dinero interrumpe capacidades de las personas"
Por Natalia Puga & Gabriela Varela Asorey |