Un convoi da Brilat dá o alto a un camioneiro que conducía de forma errática e deu positivo en alcol e drogas
Por Natalia Puga
A colaboración de militares da Brigada Galicia VII Brilat permitiu interceptar e denunciar o condutor dun vehículo de gran tonelaxe que conducía baixo os efectos de alcol e drogas pola estrada N-634 en Lugo.
Un convoi de militares da Compañía de Defensa Contra Carro do Batallón do Cuartel Xeral da Brigada con sede en Figueirido regresaba á casa tras realizar manobras no campo de tiro de Parga, en Lugo, cando os seus compoñentes observaron que un vehículo de gran tonelaxe invadía o sentido contrario en varias ocasións, mantendo unha condución errática, polo que se procedeu á detención do vehículo articulado.
Tratábase dun conxunto articulado de vehículos e a súa circulación mostraba signos evidentes de que o condutor non se atopaba en condicións óptimas para o manexo do mesmo, de modo que, tras darlle o alto, alertaron á Garda Civil.
Axentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela realizaron ao condutor as correspondentes probas de alcol e outras drogas, arroxando resultado positivo en estupefacientes. Posteriormente, ese positivo confirmouse nas análises en laboratorio.
Segundo informou a Garda Civil da Coruña, seguidamente, e para evitar males maiores, procedeuse á denuncia e inmovilización do camión ata a súa retirada por outro condutor habilitado.
A Garda Civil puxo en valor a importancia da colaboración entre distintos órganos da administración, demostrando un alto grao de concienciación coa seguridade viaria por parte destes efectivos do Exército de Terra.