Pontevedra esixe non dar "nin un paso atrás" ante unha revolta feminista que é "imparable"
Se en algo coinciden as miles de persoas que este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, abarrotaron a Praza da Ferrería, é que "sobran os motivos" para saír á rúa. Ante aqueles que queren suprimir dereitos sociais xa conquistados ou que ameazan con dificultar a igualdade real entre homes e mulleres, "non queda outra que pelexar con uñas e dentes".
"Non podemos dar nin un paso atrás", sinala Mariña (funcionaria, 35 anos). Para ela, a revolta feminista é "imparable", aínda que haxa quen "aínda non o entendeu". O seu testemuño reflicte o espírito que se respiraba este mediodía na emblemática praza pontevedresa, onde se reuniron mulleres -e tamén moitos homes- de varias xeracións.
Baixo o lema "Todas as mulleres, todos os dereitos", a plataforma Galegas 8 M impulsou unha multitudinaria concentración para reclamar a igualdade de oportunidades e dereitos entre mulleres e homes porque a brecha non se pechou, hai teitos que non seguen sendo de cristal senón que son de formigón e porque si, ás mulleres séguenas matando.
Estar hoxe aquí, para Amanda (xubilada, 73 anos) era unha "necesidade" ante o "retroceso" que aprecia nos dereitos sociais polos que ela e as mulleres da súa época "loitamos tanto". Como Marisa (xubilada, 69 anos), que lembra que "custou moito" conseguir estes avances e lamenta que, a estas alturas, haxa quen "xustifique" as condutas machistas.
"É unha barbaridade como estamos a ir cara atrás", sinala Marica (xubilada, 74 anos), que confía en que todas as mulleres "nos unamos" para desafiar ao patriarcado. Esa petición recóllena con gusto mozas como Irene (estudante, 22 anos) ou Sofía (camareira, 24 anos), cansadas de que "nos traten de menos" polo simple feito de ser muller.
Máis aló vai Sara (xornalista, 29 anos), que denuncia que "seguimos cobrando menos que os homes", que as mulleres saen de traballar "con medo" cando van soas e que "nos seguen asasinando"; ou Lidia (psicóloga, 43 anos), que acudiu á concentración acompañada das súas dúas fillas porque "teñen que saber que non teñen nada gañado e que hai que loitar".
O mesmo pensa Elena (opositora, 29 anos), que cre que a sociedade debe "tomar conciencia" sobre o que significa o feminismo e que esixe á clase política "que vexan esta realidade"; ao que Conchi (xestora xudicial, 59 anos) engade unha advertencia: están a tomarse decisións que "nos levan cincuenta anos atrás" e é algo que "non podemos consentir".
María (empregada de banca, 34 anos) tamén se fixa nos máis pequenos, nenos e nenas aos que "temos que ensinarlles o camiño correcto" e pelexar por deixarlles en herdanza "un mundo máis xusto" onde, lembra Lola (ama de casa, 43 anos), "ninguén lle diga a unha muller o que pode ou non pode facer" porque o de pedir permiso "se terminou".
O manifesto de Galegas 8M, no caso de Pontevedra, foi lido por catro históricas do movemento feminista da cidade, Concha, Maca, Rosa e Pilar, antigas integrantes da Asemblea de Mulleres de Pontevedra, que reivindicaron que só saíndo á rúa "seremos capaces de construír un mundo máis xusto, igualitario e libre para todas".
"Seguiremos revolvéndonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos ata que sexamos libres", engadiron, tanto polas que estaban hoxe na Ferrería "como por todas as que non poden facelo". Porque unha cousa teñen clara: ante a "forza transformadora" das mulleres e do movemento feminista "non hai quen nos pare".
Relacionadas:
-
O feminismo pontevedrés sae á rúa tras o asasinato de Valga: "Por María José, por todas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Alertan dun aumento "considerable" en Pontevedra das denuncias por violencia machista
Por Redacción |
-
As mulleres exhiben por Pontevedra a forza do feminismo para pechar un 8M histórico
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O 8M, na Deputación: "Aquí estamos alzando a nosa voz!"
Por Oskar Viéitez & Victoria Regueira |
-
As mulleres de Pontevedra, preparadas para parar o mundo
Por Redacción |
-
"Pasaron 40 anos e seguimos coa mesma pancarta"
Por Natalia Puga |