Un mozo de Cuntis, ferido moi grave tras sufrir un accidente de tráfico en Magán
Por Redacción
Un accidente de tráfico, que se produciu esta madrugada nunha vía de titularidade municipal no lugar de Magán (Estacas), provocou feridas moi graves a un mozo de Cuntis.
O sinistro, segundo informa o Concello, rexistrouse pouco antes das sete da mañá.
Ao lugar trasladáronse dúas unidades de Protección Civil de Cuntis, a Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061.
O mozo, que ía a traballar, foi capaz nun primeiro momento de alertar aos seus familiares para que chamaran aos servizos de emerxencia. Estaba atrapado dentro do coche.
A ambulancia trasladouno ao Hospital Montecelo e, polo momento, o seu prognóstico é reservado.