Carme da Silva encabezará a lista do BNG por Pontevedra nas eleccións xerais
Por Alejandro Espiño
Unha vez máis, o BNG recorre ao goberno municipal de Pontevedra para liderar a súa candidatura nas eleccións xerais. Carme da Silva, actual tenente de alcalde na Boa Vila, substituirá nesta responsabilidade ao seu compañeiro Luís Bará. Ela será a persoa que encabece a lista que os nacionalistas presentarán nos comicios do próximo 28 de abril.
Así o decidiu o Consello Nacional do BNG, que conta coa traxectoria e a experiencia de Da Silva para recuperar presenza no Congreso dos Deputados.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a "grande capacidade de traballo e intelixencia" da concelleira pontevedresa, que contribuíu a converter a Pontevedra nunha cidade "de referencia" polo seu modelo de urbanismo, mobilidade e igualdade.
Pero Pontevedra ten aínda máis peso na candidatura nacionalista. O debuxante Kiko Da Silva, fincado desde hai anos na Boa Vila, aceptou a oferta do BNG e dá o salto á política. Farao como número 4 da candidatura ás xerais pola provincia. El mesmo explicou nas súas redes sociais os motivos que lle levaron a tomar esta decisión.
Pertenzo a unha xeración na que se nos inculcou que non debíamos nunca meternos en política, coma se fóra algo malo ou perigoso. Nembargantes a vida é política e cando ves que cun pouco de apoio podemos conseguir cambiar as cousas para a nosa terra, temos que dar un paso adiante
— kiko da silva (@dasilvakiko) 9 de marzo de 2019
Ademais, o tamén pontevedrés Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do partido, pechará a lista no número 7.
A candidatura do BNG complétase con Xesús López Carreira, ex concelleiro de Cultura en Vigo, que será o número 2; e con Susana Camba, Olalla Obelleiro e María Xosé Cacabelos, da Estrada, Soutomaior e Cambados respectivamente, que ocuparán os postos 3, 5 e 6.
De cara o Senado, o BNG presentará por Pontevedra a André Vidal (Tui), Cecilia Pérez Orxe (Redondela) e Segundo González (Vigo).
Todos eles, segundo Pontón, traballarán para "cambiar o rumbo" e que Galicia "conte en Madrid", para reverter unha "inercia que nos precariza e que nos fai ser cada vez menos".
Relacionadas:
-
O BNG toma impulso en Pontevedra para ser "decisivo" en Madrid e dar a Galicia "voz propia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O BNG, confiado en regresar ao Congreso: Galicia está "absolutamente desaparecida", di Ana Pontón
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A xornalista Beatriz Pino, candidata de Cidadáns por Pontevedra ás xerais
Por Redacción |
-
Guillermo Meijón e Marica Adrio, propostas do PSOE de Pontevedra para Congreso e Senado
Por Redacción |