Un cultivador de Fene, premio Camelia de Ouro no concurso internacional de Pontevedra
Eusebio López Redondo, cultivador chegado desde o concello coruñés de Fene, recolleu este domingo o broche da camelia de ouro que o identifica como máximo gañador no LV Concurso Exposición Internacional da Camelia de Pontevedra. El presentou, segundo o xurado, o mellor conxunto, número e calidade das flores da mostra.
A colección que presentou, segundo explicou o propio gañador, é unha variedade "moi boa" de especies puras de China e de Vietnam, con flores amarelas que chamaron moito a atención da xente. Así, hai distintas especies e híbridos das mesmas de cor mantequilla.
"Era un variado bo, con olorosas, reticulatas de flor moi grande, williamsii, japónicas, un pouco de todo, incluso camelias figo do Xapón, para que as vexa a xente”, sinalou López Redondo.
O cultivador, un entusiasta das camelias que leva plantando flor dende os sete anos, leva participando nos concursos dende o 2003 e é xa tamén un veterano gañador de premios Camelia de Ouro, xa que recibiu o galardón en outras tres ocasións.
Asegurou que "eu non miro as veces, miro de colocar unha mesa bonita e de poñer o nome a todas as plantas, para que a xente aprenda as plantas e se busca algunha en concreto que a atope".
Pola súa banda, o gañador do Premio Antonio Odriozola, José Carlos Montes, de Tui, presentou unha camelia japónica da especie Lady Vansittart, conseguindo con ela o premio á flor individual máis destacada.
A entrega de premios foi presidida pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Eva Vilaverde, que estiveron acompañadas polos membros do xurado que decidiu os galardóns.
Na súa intervención tanto Carmela Silva como Eva Vilaverde parabenizaron aos gañadores e enxalzaron a camelia como a flor da provincia "que xa forma parte do noso entorno e que atopamos en xardíns públicos, privados, en pazos e case en cada esquina".
Silva subliñou que na Deputación "non só traballamos pola investigación, polas novas especies ou por apoiar a aquelas entidades que apostan por ela" senón que activaron moitas actividades que teñen a camelia "como elemento catalizador para a atracción do turismo".
Pola súa banda, a deputada Eva Vilaverde insistiu na beleza da flor que propicia a celebración do concurso e lembrou que as persoas cultivadoras son as verdadeiras protagonistas. Así, destacou a grande participación nesta edición e celebrou o interese dos participantes por sorprender coas súas composicións de diferentes especies e cultivares.
"Cando vemos estas flores, vemos a paixón e o esforzo que as persoas participantes poñen no cultivo e na montaxe das mesas, amosando pezas realmente espectaculares", explicou.
MÁIS PREMIOS
Aos premios xa mencionados, hai que engadirlle o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia, que foi para Adela Abilleira (Xeve); ou o Premio á Mellor Presentación Artística, o primeiro para María Teresa Fernández (Lugo) e o segundo para Antonio Montes (Tui).
Os mellores lotes foron, na categoría de Camellia Reticulata, o primeiro para Carmen Moldes e Juan Castro (Vilanova), o segundo para Pilar Bargiela (Porriño) e o terceiro para Abelardo Barcala (Rubiáns); en Híbridos de Camelia para Pilar Bargiela (Porriño), o segundo para Clara Abalo (Rois) e o terceiro para Rosa Crespo e Jaime Escofet (Valga).
En Camellia Japonica Branca, triunfaron Abelardo Barcala (Rubiáns) e Edmundo Novoa (Lugo); en Camellia Japonica Vermella, Cuca Rozas (Rianxo) e Olga Castelo (Vilanova); en Camellia Japonica Rosada, Carmen Costas (Vigo) e Elena Valcárcel (Salceda); en Camellia Japonica xaspeada ou variegata, o primeiro foi para Carmen Corral e o segundo para Elena Valcárcel (Salceda); e en outras especies de camelia, o primeiro premio foi para José Monteagudo (Cuntis), o segundo para José Freire (Padrón) e o terceiro para Manuela Couso (Cuntis).
OUTRAS ACTIVIDADES
O enfoque técnico e as posibilidades de cultivo da camelia no monte foron outros dos protagonistas das xornadas de clausura. O presidente da Agrupación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, dixo que a camelia pode ser un cultivo a ter en conta para os que defenden que as comunidades de montes deben ser sustentables e multifuncionais.
Finalmente, na presentación do libro sobre os xardíns de camelia da provincia de Pontevedra, un dos seus autores, o enxeñeiro de Montes e Medio Natural Gaspar Bernárdez, salientou que na maior parte dos xardíns existe unha boa representación de árbores senlleira e tamén de camelia.
A premisa deste libro é que dentro do rigor técnico, sexa doado de ler para todos os públicos, dixo, explicando que ten tamén fichas específicas para as persoas máis entendidas.
Así, propón un paseo por 20 xardíns da provincia, que como o resto de xardíns galegos, "non teñen un só patrón", senón que se inspiran en diferentes estilos, como o barroco francés, italiano ou no paisaxismo inglés.
Relacionadas:
-
A avenida Montero Ríos acollerá en marzo o 57 Concurso Internacional da Camelia
Por Redacción |
-
A segunda edición da Tea Masters Cup Spain disputarase no Pazo de Rubiáns
Por Redacción |
-
O concurso internacional da camelia congrega a público de toda España, Portugal, Francia e China
Por Redacción |
-
O aroma e as cores vivas da camelia namoran o público no concurso internacional de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Elevada participación no concurso internacional da camelia
Por Redacción |
-
Esculturas de Cándido Pazos premiarán as mellores camelias no concurso internacional de Pontevedra
Por Redacción |