As obras do primeiro tramo da rúa Concepción Arenal empezarán "nos próximos días"
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín anuncia que "nos próximos días" darán inicio as obras do primeiro tramo da rúa Concepción Arenal, comprendido entre rúa José Trasande e a rúa Real de Cantodarea. Está contemplada unha segunda fase desde José Trasande ata a rotonda de As Ancoras. O orzamento total destas actuacións é de 1,6 millóns de euros.
O primeiro proxecto pretende a reurbanización e humanización dun tramo de 208 metros de lonxitude, dotando de maior amplitude ás beirarrúas e facilitando así o tránsito peonil.
Tamén se reordena a zona de aparcadoiro de vehículos e a zona de carga e descarga, para permitir que o tráfico na calzada sexa máis fluído, respectando as indicacións do PXOM e a lei de accesibilidade, que nestes momentos non se cumpren. Ademais está prevista a renovación dos servizos existentes xa que os actuais son moi antigos e están a sufrir constantes avarías.
O novo deseño do viario terá un ancho de calzada de 6,20 metros, con dous carrís de 3,10 metros por cada sentido, aos que se suman 2,20 metros máis na zona onde está previsto espazo de estacionamento ou de carga e descarga, marxe esquerda (no sentido de José Trasende a Cantodarea).
Os detalles deste proxecto foron expostos nunha reunión cos veciños afectados, onde se expuxo tamén a necesidade de seguir contando con dobre sentido de circulación e que o autobús que fai a ruta Marín-Pontevedra, así como o transporte escolar, siga indo por esta vía de comunicación, que resultou ser apoiada polos veciños.
Relacionadas:
-
Empezan as obras en Cantodarea
Por Redacción |
-
Aberto o aparcadoiro alternativo en Cantodarea con 100 prazas
Por Redacción |
-
Habilitan unha zona de aparcadoiros para afrontar a primeira fase de obras en Concepción Arenal
Por Redacción |
-
A reforma da rúa Concepción Arenal en Cantodarea acometerase en dúas fases
Por Oskar Viéitez |