O PSOE denuncia a demora da dragaxe do Lérez e urxe medidas á Xunta e o Concello
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE de Pontevedra denuncia o atraso no proxecto de dragaxe do río Lérez, unha demanda histórica da cidade e do Club Naval para a que segue sen haber data de resolución, e urxe ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia un compromiso para a súa execución.
O voceiro socialista e candidato á Alcaldía, Tino Fernández, e os concelleiros Iván Puentes e Paloma Castro mantiveron unha reunión co presidente do Club Naval, Carlos Paz, e outros membros da súa directiva. No encontro, puideron coñecer os detalles da situación actual asociada á falta da dragaxe.
Segundo lles trasladou a directiva do Club Naval, a acumulación de lodos entre a desembocadura do río Lérez e a entrada da ría de Pontevedra converteuse nun enorme problema para o club, ata o punto de que, nestes intres, xa teñen un pantalán totalmente inutilizado pola falta de calado e outro atópase en parte ameazado, unha zona de difícil utilización. Un pantalán inutilizado supón menos amarres e unha perda de posibilidades, segundo denuncian desde o club.
A directiva lembroulle aos socialistas que levan moito tempo agardando a que Portos de Galicia tome a decisión de iniciar a dragaxe da ría e agora a situación é xa "insostible". Á vista desta situación, Tino Fernández insiste en que "debe resolverse dun xeito perentorio".
Fernández urxe un compromiso a nivel municipal e autonómico para que se fixe unha data de inicio das obras e denuncia que o PP incumpriu todos os prazos e promesas. "Leva moitos anos de atraso", insiste.
Carlos Paz trasladou a Tino Fernández que o Club Naval paga un IBI de máis de 8.000 euros anuais e ambos coincidiron, segundo destaca o PSOE nun comunicado, en que se debería impulsar a sinatura dun convenio de colaboración co Concello ara aliviar esta elevada presión tributaria.
Así, o voceiro socialistas indica que o Concello emprega de xeito gratuíto amarres do Club Naval para Protección Civil e para os Bombeiros, polo que "semella preceptiva unha compensación pola vía dun convenio.
Relacionadas:
-
O PP lembra á Consellería do Mar que urxe a dragaxe do río Lérez
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reclama a reactivación do proxecto de dragaxe do río Lérez
Por Redacción |
-
O BNG reclama a dragaxe do Lérez que Portos supedita ao consenso
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta busca o consenso co sector marisqueiro para levar adiante a dragaxe do Lérez
Por Redacción | Creada e actualizada