Sinaí Giménez e parte da súa familia, a xuízo este mes por agredir un avogado e seis gardas civís
Por Natalia Puga
Sinaí Giménez Jímenez, autoproclamado 'príncipe dos xitanos de Galicia', e parte da súa familia, do coñecido como clan dos 'Moróns', sentarán no banco dos acusados o próximo 27 de marzo para render contas por unha serie de agresións que supostamente realizaron o 30 de abril de 2014 no exterior dos xulgados de Tui. Resultaron feridos un avogado e seis axentes da Garda Civl.
En total, sentarán no banco do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra seis persoas acusadas de delitos de atentado; obstrución á xustiza en concurso real cun delito de lesións; atentado en concurso ideal cunha falta de malos tratos; e atentado en concurso ideal cun delito de lesións e unha falta de lesións; atentado en concurso ideal cunha falta de lesións.
A Fiscalía solicita que sexan condenados a penas dun ano e medio de prisión, catro anos e medio de prisión e seis anos e medio, en función de cada caso. Ademais, pide que indemnicen aos axentes da Garda Civil aos que lesionaron.
Os feitos ocorreron o 30 de abril de 2014 con motivo do traslado aos xulgados de Tui dun axente forestal e un garda civil detidos en relación cun altercado na casa de Olegario Giménez, pai de Sinaí Giménez e doutros catro acusados e autoproclamado 'rei dos xitanos de Galicia. Por estes feitos, os entón detidos foron xulgados o pasado mes de xaneiro nun Xulgado do Penal de Pontevedra e absoltos por falta de probas.
Aquel día, con motivo do seu paso a disposición xudicial, decenas de persoas concentráronse na praza situada ante os xulgados desde primeira hora da mañá ata pasadas as dez da noite. Nesa contorna producíronse as agresións.
Dous axentes da Garda Civil estaban a gravar na praza cando un dos acusados, coñecendo a súa condición de axentes da autoridade por velos anterior e repetidamente no interior do edificio xudicial, a pesar de que non levasen uniforme, dirixiuse a eles e, segundo o fiscal, con ánimo de menoscabar a súa integridade física e de atentar contra o principio de autoridade, deulle varios empuxóns ao que levaba a cámara, cominándoo a que deixasen de gravar, o que tiveron que facer.
Pasadas as dez da noite, cando se soubo que os dous detidos quedaban en liberdade, o avogado dun deles abandonou o edificio xudicial camiñando. Nese momento, un dos acusados, co propósito de castigalop por lograr a posta en liberdade do seu cliente, indicou a distintas persoas alí presentes, entre os que se atopaban tres das acusadas -unha delas menor de idade- , que era o avogado e ordenoulles que fosen a por el.
Tres dos agora acusados, en compañía doutra muller que non foi identificada, achegáronse ao avogado sen que os axentes puidesen protexelo e asistilo. Mentres dous o agarraban e daban labazadas, un terceiro deulle un forte lapote facéndoo caer ao chan e entón deulle repetidamente patadas por todo o corpo. Outra das acusadas tamén lle propinou patadas.
Nese momento, dous axentes da Garda Civil de paisano acudiron ao lugar para poñerlle fin á agresión, identificándose como axentes. Nese momento, dúas das agora acusadas, con ánimo de atentar contra a súa integridade física e atentar contra o principio de autoridade, agarraron, empuxaron e golpearon ao axente, sempre segundo o relato da Fiscalía.
Xusto antes da agresión ao avogado, cinco axentes da Garda Civil interpuxéronse entre o grupo de persoas atacantes e o letrado, momento no que un numeroso grupo de persoas abalanzáronse sobre os axentes empuxándoos e golpeándoos.
Relacionadas:
-
Os xulgados da Parda blíndanse polo conflicto entre 'Morones' e 'Zamoranos'
Por Redacción |
-
O xuízo a Sinaí Giménez comezá este martes cun extraordinario dispositivo de seguridade
Por Redacción |
-
Absolven por falta de probas os acusados dun altercado na casa do 'rei dos xitanos'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Un dos 'Morones', no banco por suposta estafa, sostén a súa inocencia e xustifica a súa violencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |