Aprazan un xuízo por tráfico de drogas ao faltar un informe que acredita a adicción do acusado
Por Natalia Puga
O 16 de xuño de 2017 o pontevedrés Valentín O.M. tiña xa no seu historial varias condenas por tráfico de drogas, unha de tan só catro días antes, o 12 de xuño dese ano, e volveu ser localizado en posesión de 8,087 gramos de cocaína. Por esa nova actividade volveu ser detido e este martes sentou no banco dos acusados, aínda que aínda deberá esperar un tempo para ser xulgado, pois o xuízo quedou pendente.
O home acudiu ao xuízo na Sección Segunda da Audiencia Provincial, pero finalmente non foi xulgado porque o seu avogado puxo sobre a mesa que faltaba unha proba que considera fundamental: un informe forense que acredite que no momento dos feitos Valentín O.M. tiña adicción ás drogas.
A Audiencia decidiu aprazar o xuízo ata que se reciba ese informe forense e nese momento volverá fixar a data para o xuízo. De momento, non se sinalou.
O fiscal solicita para o acusado a pena de dous anos e seis meses de prisión e o pago dunha multa de 900 euros, con 10 días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento, como autor dun delito contra a saúde pública. Ademais, pide o comiso da substancia estupefaciente intervida en mans do procesado.
Os feitos polos que será xulgado ocorreron sobre as 21.00 horas do 16 de xuño, cando viaxaba como copiloto nun vehículo ao que deu o alto a Policía no cruzamento do Marco. Mentres a policía practicaba dilixencias, segundo o fiscal, o mozo sacou da zona dos seus xenitais unha bolsa que contiña 8,087 gramos de cocaína e arroxouna á vexetación, sendo recuperada polos axentes.
O fiscal sostén que o acusado tiña a cocaína co propósito de destinala á venda e o seu valor en mercado ascendería a 925,64 euros. Tamén levaba 460 euros en billetes de 20 que poderían proceder da venda da substancia.