Unha gala de cine chea de festa e glamour para presumir de turismo nas Rías Baixas
Por Redacción
O sector turístico da provincia recibiu este martes unha homenaxe por todo o alto, ao máis puro estilo cinematográfico. Foi na terceira edición da Gala Anual de Turismo Rías Baixas, celebrada nun Auditorio Mar de Vigo decorado para a ocasión con photocall, alta tecnoloxía, alfombra vermella e invitados de luxo.
Ao evento, organizado pola Deputación, asistiron numerosas autoridades entre elas o alcalde de Vigo, que exerceu de anfitrión, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, alcaldes e alcaldesas ou representantes do mundo de turismo, da cultura, da sociedade, da gastronomía e da política chegados de toda a provincia.
A cerimonia, que foi conducida ao estilo das entregas dos premios Goya pola actriz Deborah Vukusic e o actor Carlos Blanco, contou coas actuacións de Rosa Cedrón e Media Punta. Nela, ademais, desvelouse que a produtora Emma Lustres, directora executiva de Vaca Films, será a primeira Embaixadora de Rías Baixas.
Lustres, que recibiu como agasallo unha particular interpretación en cerámica dunha camelia da artesán viguesa Ana Tenorio, mostrou a súa emoción polo título e se comprometeu a representar "a esta marabillosa provincia de Pontevedra".
"Era imposible ter mellor embaixadora que ela, é unha honra porque leva a nosa provincia e a Rías Baixas alá onde vai, e ela é das que vai a todos os lugares co éxito detrás de cada proxecto que lidera", dixo Carmela Silva, que destacou que ademais representa o "poderío" feminino.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación fixo un percorrido "polas paisaxes, camiños a Compostela, festas e experiencias para os cinco sentidos que temos na provincia", e invitou ao mundo "a que nos visite, que veña a este paraíso para saciar a súa fame de experiencias, que as vivan, o conten e repitan".
Tamén agradeceu ás empresas "que apostan pola calidade que contribúen a consolidar e prestixiar o noso destino", e recoñeceu especialmente ás persoas que fan posible a enogastronomía, as produtoras e produtores nos que se inspira a campaña deste ano.
Silva sinalou que "vivimos nun tempo novo no sector turístico, de grandes desafíos e oportunidades e estamos moi ben posicionados". Pontevedra conta, sinalou, "cun destino de costa e interior único, cunha gastronomía de excelencia, cun patrimonio e cunha cultura extraordinarios, cun sector fortemente profesionalizado e cunha Deputación entregada".
No transcurso da gala fíxose todo un recoñecemento ao turismo da provincia, xa que ata 139 empresas do sector recibiron o certificado SICTED, o distintivo que premia a excelencia e a profesionalidade. Representacións de todas elas, pertencentes a 34 concellos das comarcas de Vigo, Pontevedra, O Salnés, O Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño e do Condado-Paradanta, desfilaron polo escenario da gala no Auditorio Mar de Vigo para recoller as súas distincións.