Rueda: "Se a Brilat abandona Pontevedra sería un dano brutal que lamentaríamos durante moito tempo"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, alertou este venres que o cambio de localización da Brilat de Pontevedra "sería un dano brutal que lamentariamos durante moito tempo".
Rueda ten a confirmación por parte de responsables do Ministerio de que "ese risco é real" por iso nunha rolda de prensa na Deputación provincial, asegurou que "en ningún caso podemos correr o risco, nin sequera plantexárnolo, de que a Brilat acabe desaparecendo de Pontevedra".
Unha sentenza de finais do ano pasado recoñeceu que as máis de 170 hectáreas que vén ocupando a base da Brigada Lixeira de Infantaría Aerotransportable (Brilat) en Pontevedra dende hai décadas son de titularidade veciñal. Na última semana, os comuneiros de Salcedo (Pontevedra), propietarios legais da maior parte dos terreos, iniciaron un proceso de negociación co Ministerio de Defensa para que a base siga na súa actual situación a cambio dun canon anual pola cesión do chan.
Sen citala expresamente, o vicepresidente da Xunta culpou desta situación a comunidade de montes de Salcedo, e fixo un "chamamento para que todo o mundo sexa razoable".
"Creo sinceramente que as posturas se deberían achegar un pouco máis por parte daqueles que están máis afastados que é unha comunidade de Montes en concreto fronte ás outras que teñen unha postura máis razoable que se achegan máis a un punto de negociación", dixo Rueda.
Referíase o vicepresidente do Executivo galego á petición formulada polos veciños de Salcedo que reclaman o aboamento de cinco mil euros por hectárea, o que suporía un canon anual de 880.000 no suposto de 176 hectáreas.
En todo caso, Alfonso Rueda deixo claro que, "todos temos que ser responsables e saber do que estamos a falar, por suposto que todo o mundo ten dereito a esixir aquilo ao que cree que ten dereito pero tamén é verdade que temos que decatarnos que estamos a falar do futuro de algo tan importante, tan fundamental non só para o futuro de Pontevedra senón para toda a provincia como a permanencia da Brigada e todo o que iso supón aquí".
O político pontevedrés concluíu desexando que "os intereses particulares de quen sexan, non choquen co interese xeral de todos os que queremos que a Brigada siga aquí, que creo que somos a inmensísima maioría".