O persoal da residencia de maiores de Campolongo volve protestar ante o abandono por parte da Xunta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O comité de empresa da residencia de maiores de Campolongo concentrábase con persoal deste centro ante as portas das instalacións situadas na avenida María Victoria Moreno coa intención de insistir nas reivindicacións que levan reclamando desde hai case dez meses.
Carmen Buján, a presidenta do comité, afirmaba que retomaron estas protestas porque a administración da Xunta de Galicia non ofrece solucións ás carencias deste centro, que naceu como unha residencia de persoas maiores que se podían valer por se mesmas e que foi derivando a persoas dependentes. Neste sentido, denuncian a existencia dun só baño xeriátrico, insuficiente para o case medio centenar de residentes que precisan deste servizo.
Sinalan que actualmente son 24 auxiliares de enfermería, 19 camareiros limpadores, 7 ATS e dous máis de fin de semana, ademais dun médico que compatibiliza a súa actividade neste espazo xunto a outro dependente da Xunta. En todo caso, os representantes sindicais denuncian que é un número insuficiente e reclaman máis auxiliares, persoal de cociña e un médico que se dedique plenamente a esta residencia, que conta con 95 residentes.
En canto a infraestruturas, afirman que nos últimos meses, tras as súas denuncias e despois da comparecencia do anterior conselleiro de Benestar Social no Parlamento recoñecendo o problema, modificáronse moi poucas cousas.
Agora contan cun lavalouzas novo, pero non se realizaron melloras reclamadas como a creación dunha enfermería, reforma do servizo de ascensores, tomas de aspiración, tomas de osíxeno en habitacións asistidas ou a modificación completa da terceira e cuarta planta nas que se atopan usuarios que precisan de asistencia. Ademais tamén piden melloras no departamento de cociña, nos comedores e nas salas de estar. Denuncian que a comida e as persoas falecidas utilizan o mesmo servizo de montacargas.
Alertan de que a nova conselleira Fabiola García, que substituíu a José Manuel Rey Varela no cargo, ten coñecemento destas necesidades pero non destinou un orzamento para afrontar estas demandas nin mantivo un encontro cos representantes sindicais.
Carmen Buján afirmaba que, tras a convocatoria desta concentración, recibiron unha cita para manter un encontro o día 20 de marzo coa secretaria xeral técnica da Xunta de Galicia. Se non se lles ofrece unha solución satisfactoria, aseguran que continuarán coas protestas aproveitando a campaña electoral.
Relacionadas:
-
Proxectan a reforma integral do Avelino Montero e da residencia de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG pide á Xunta que informe das negociacións levadas a cabo coa propiedade do antigo asilo
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian presións ao persoal tras as demandas de melloras no centro de maiores de Campolongo
Por Anxo Lourido |
-
Persoal do centro de maiores de Campolongo recollerá sinaturas ante a situación de precariedade do servizo
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Política Social compromete melloras para a residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
Preguntarán ao conselleiro de Política Social sobre as carencias na residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
Cidadáns pedirá ao Concello que esixa á Xunta a mellora do centro de maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento as demandas do comité de empresa da residencia de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian deficiencias e falta de persoal no Centro de Maiores de Campolongo
Por Redacción |