Impoñen unha orde de afastamento a unha nai por dar "un par de labazadas" ao seu fillo de 10 anos
Por Natalia Puga
Unha nai pontevedresa foi condenada a dous meses de prisión substituibles polo mesmo tempo de traballos en beneficio da comunidade e á prohibición de aproximarse ao seu fillo de 10 anos durante seis meses por darlle "un par de labazadas" ao neno cando se negou a ducharse.
A muller foi condenada en primeira instancia polo Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra e posteriormente, nunha sentenza que acaba de darse a coñecer, na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra. En ambas, a pena imposta é a mesma e tamén o delito: malos tratos no ámbito de violencia doméstica.
As sentenzas especifican que se lle impón a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros do seu fillo ou de calquera lugar no que pode atoparse durante medio ano e que a pena de prisión sustituible polos traballos en beneficio da comunidade tamén podería substituírse por dous meses de localización permanente. Impónselle, así mesmo, a privación de tenencia e porte de armas durante seis meses.
Ambos os maxistrados consideran probado que na noite do 20 de maio do 2018 a muller, que convivía co seu fillo de 10 anos, pediulle que se duchase. O neno negouse e empezaron unha discusión verbal que a nai terminou "dándolle un par de labazadas ao menor".
As labazadas causáronlle eritemas en ambas as fazulas e o neno recibiu atención médica xusto despois, aínda que non necesitou tratamento médico posterior.
A nai apelou a primeira sentenza do Penal ante a Audiencia alegando que a súa actuación ao darlle dúas labazada ao neno "debe entenderse amparada dentro do seu dereito de corrección". Este motivo xa o esgrimía durante o xuízo e os dous maxistrados rexeitárono.
A sentenza máis recente argumenta que a facultade que asiste aos pais para poder corrixir aos seus fillos, en calquera caso, queda integrada dentro do conxunto de dereitos e obrigacións que xorden da patria potestade, e só pode concibirse orientada ao beneficio dos fillos e encamiñada a lograr a súa formación integral. Ademais, "ten como límite infranqueable a integridade física e moral destes".
"A reprensión ante unha eventual desobediencia da menor nunca pode xustificar o uso da violencia que exerceu, nin admite, baixo ningunha óptica, considerar esa actuación orientada ao seu beneficio", recolle o fallo xudicial, que rexeita o recurso de apelación presentado pola nai e confirma a sentenza previa.