O PP cualifica de "puñalada trapera" de Lores a Pontevedra o cambio de postura de Costas sobre Ence
Por Anxo Lourido
Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, define este xoves como "un día trágico para Pontevedra" ante a decisión da Avogacía do Estado de inhibirse nos recursos presentados polo Concello de Pontevedra, pola APDR e por Greenpeace en relación coa concesión da prórroga de Ence por 60 anos, que realizara o goberno de Mariano Rajoy en 2016.
Domínguez afirmou que o alcalde da cidade con máis paro de Galicia acáballe "de dar unha puñalada mortal" ás 5.100 familias que dependen directa e indirectamente de Ence en toda Galicia. Acusaba a Lores de dar unha puñalada mortal tamén aos 400 traballadores fixos que ten a empresa pasteira na cidade.
O representante indicou que o dano se estende a 300 asociacións, colectivos e clubs da comarca que reciben diñeiro da entidade pasteira, un total de 3 millóns de euros anuais. Continuou sinalando que o porto de Pontevedra, os transportistas e os comuneiros son tamén os derrotados por esta situación.
Domínguez preguntouse cales son as alternativas de emprego que propón o goberno de Fernández Lores se finalmente pecha Ence. O portavoz do grupo municipal do PP tamén culpou ao presidente do Goberno Pedro Sánchez de dar ordes para non defender os intereses de Ence e de todos os pontevedreses.
O Partido Popular, asegurou, vai poñerse "de lado da xente" e anunciou que loitarán para defender a todos os prexudicados por esta decisión da Avogacía do Estado, que volveu cualificar como unha "puñalada trapera" para Pontevedra.
Este venres presentarán unha moción urxente no pleno esperando que se admita e póidase debater este punto pola corporación municipal. Ademais, apuntou que están a estudar a documentación para ver que opcións xudiciais poden establecerse ante esta situación "dramática para moita xente".
Confirmou que Núñez Feijóo tamén anunciou que estudarán fórmulas en relación con esta decisión, que Rafa Domínguez cualifica de "política" ao entender que non se basea en argumentos lexislativos. O líder popular recoñeceu que aínda non tivera acceso ao escrito da Avogacía do Estado.
Relacionadas:
-
Ana Isabel Vázquez, número 4 da lista do PP ás municipais
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O pleno dos "minutos da basura" da corporación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O pleno rexeita a moción do PP para que o Concello asuma os 3 millóns anuais do Plan Social de Ence se marcha de Lourizán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ence comunica á CNMV que o peche de Lourizán tería un impacto "extraordinario" de 185 millóns nas súas contas
Por Natalia Puga |
-
Ence ve unha "falta de respecto" o cambio "arbitrario" de Costas con respecto á súa prórroga
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno estatal abre a vía para que se anule a concesión da prórroga de Ence ata 2073
Por Redacción | Creada e actualizada