O PSOE propón crear unha área de ocio e deporte fluvial para nenos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A mellora da rede de transporte público, a dotación dun carril bici que conecte coas estacións de ferrocarril e autobuses e a creación dunha área de ocio e deporte fluvial para nenos no contorno da Illa das Esculturas son algunhas das ideas que o PSOE leva no seu programa electoral e que este xoves presentaron ao vicerreitor do campus universitario de Pontevedra, Jorge Soto.
Na reunión mantida na Casa das Campás participaron o candidato do PSOE á Alcaldía, Tino Fernández; o candidato socialista ao Congreso Guillermo Meijón, o concelleiro Iván Puentes, o responsable de Educación da Agrupación Municipal, Rafael Cotelo, e a candidata ao Senado Marica Adrio.
O vicerreitor da Universidade manifestou o seu desexo que xa lle trasladara ao alcalde de Pontevedra para que se dote de dous pantaláns, así como dun espazo de recreo con mesas e bancos para as familias, á zona fluvial emprazada no contorno da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Agora o equipo de Tino Fernández recolle esta proposta xunto a outras iniciativas que encaixan co seu obxectivo de visibilizar a presencia da Universidade na vida cultural, artística e social de Pontevedra, e no que tamén se lle dará un pulo ao proxecto de humanización do campus.
Neste senso está a creación dun carril bici que comunique as facultades da Xunqueira coas estacións. Ademáis, Tino Fernández comprometeuse a garantir "un transporte público axustado ás necesidades dos alumnos". Neste sentido, o concelleiro Iván Puentes puxo enriba da mesa a posibilidade de que se poidan aplicar os descontos da tarxeta de estudante ao treito de tren que une Arcade con Pontevedra (ao xeito do que sucede cos trens de proximidades noutras cidades) e de que os convois rexionais paren de xeito máis asiduo na infrautilizada parada de Tafisa.
Por outra banda, os membros da Agrupación Socialista concordaron co vicerreitor na necesidade de promocionar e visibilizar os proxectos de investigación do campus capitalino.