Estudantes do IES Valle Inclán descubren os segredos do mar
Por Almu Dapena
Un grupo de 60 estudantes do IES Vale Inclán de Pontevedra visitaron este venres a lonxa de Portonovo (Sanxenxo) coa intención de ver como se realiza a actividade nos portos, a venda nas lonxas, a comercialización nos mercados e a importancia que teñen os produtos do mar para a saúde.
Acompañados pola conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, os estudantes visitaron a lonxa dentro do programa 'O sabor da aventura está no mar'. Durante a visita puideron coñecer as distintas especies pesqueiras, as súas características nutricionais, e unha mellor maneira de manipulalas para preservar a súa calidade. Tamén descubriron os diferentes tipos de embarcacións, especies que se capturan, aparellos que usan os profesionais do mar e como se comercializan eses produtos que fan da pesca un sector fundamental para a economía galega.
Quintana quixo destacar a importancia que teñen estes programas para impulsar o consumo dos produtos marítimos e tamén ampliar o coñecemento dos seus beneficios para a saúde.
Estas xornadas permitiron achegar o mundo do mar e os seus recursos pesqueiros a 51.000 nenos e nenas de toda Galicia e a máis de 15.000 o pasado curso académico.