Comezan dous anos de obras para dar servizo de saneamento a Tenorio
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Augas de Galicia acaban de poñer en marcha as obras de construción da nova rede de saneamento e depuración de augas da parroquia de Tenorio, que terá capacidade para atender á totalidade dos seus 1.200 veciños.
Os traballos, adxudicados á Unión Temporal de Empresas (UTE) Uncisa-Hordescon, arrancaron na contorna do lugar do Castro.
En concreto, ao longo desta semana procedeuse ao marcado do trazado, á chamada implantación da obra e a certas tarefas previas e na xornada deste venres iniciouse a obra física co corte do pavimento afectado. Así, está previsto que, dende a vindeira semana, comecen as escavacións e a colocación dos primeiros entubados para as canalizacións.
Esta actuación conta cun investimento de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución máximo de 25 meses para o seu remate integral.
Este cronograma está distribuído en 13 meses para acometer a infraestrutura xeral, os bombeos e a depuración e os 12 restantes para executar as conexións domiciliarias e a posta en servizo.
Nembargantes, é posible que estes tempos se reduzan e a rede de saneamento e depuración poida estar en funcionamento no ano 2020.
En canto ás obras recollidas no proxecto, figuran a mellora e ampliación da rede de colectores de saneamento con oito novos treitos que suman 4 quilómetros de lonxitude, a creación de dous pozos de bombeo en Covas e Lérez con 300 metros de tubarías de impulsión e a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).