Marín conmemora a primeira sentenza ditada en lingua galega
Por Redacción
Marín conmemorou este venres a primeira sentenza en lingua galega ditada nos xulgados da vila pontevedresa.
O acto estivo organizado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co Concello.
A primeira parte desta conmemoración celebrouse na Casa de Concello e a segunda no edificio dos xulgados, onde se descubriu unha placa que deixou constancia do ditame da primeira sentenza en lingua galega no partido xudicial de Marín.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou "os esforzos dos que foron pioneiros en abrirlle ao galego un ámbito en que aínda non hai tanto que imperaba de maneira absoluta o castelán", pero tamén se referiu ás "persoas e institucións que seguen traballando hoxe pola xustiza en galego e polo galego na xustiza", así como aos "avances recentes, que a todos os que avogamos pola normalización lingüística nos poden parecer lentos, pero que son seguros e non teñen volta atrás".
Xunto con Valentín García, interviñeron no acto María Ramallo, alcaldesa de Marín; Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega; os maxistrados Sandra Piñeiro e Xermán Varela e mais o avogado Avelino Ochoa.