Xulgan a catro persoas pola "captura e desaparición" dun veciño de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra ten previsto celebrar este xoves 21 de marzo un xuízo por un delito de detención ilegal agravada.
Catro persoas están acusadas de ser as responsables da captura e desaparición dun home en novembro de 2010. Por estes feitos enfróntanse a dez anos de cárcere.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados e enmárcase na investigación dun posible axuste de contas contra José Bernardo Villaverde Amil, un veciño de Pontevedra ao que se lle relaciona policialmente co narco José Antonio Pouso Rivas, Pelopincho.
A Fiscalía que pide dez anos de prisión para cada un dos procesados por un delito de detención ilegal, cuxas iniciais son M.S.F., F.S.S., JM.F.T., e JJ.C.G.
Os catro acusados eran veciños da comarca de Arousa. Segundo o relato dos feitos recollido no escrito de acusación da Fiscalía, sobre as 12 horas do día 19 de novembro de 2010, dirixíronse ao domicilio de José Bernardo Villaverde, situado en Pontevedra, abordándolle cando este chegaba a casa coa súa muller e introducíndoo nun coche co que abandonaron o lugar.
Os agora acusados reuníronse o día anterior nas proximidades dun hotel en Santiago de Compostela para "realizar os preparativos para a captura e desaparición" de Villaverde de quen non hai máis noticias desde que ás 14 horas do mesmo día da súa desaparición, logra manter unha breve conversación telefónica coa súa esposa, á que lle di que chegará pola tarde.
Tanto a vítima como un dos acusados foran investigados por un transporte frustrado de haxix ás costas galegas.
Relacionadas:
-
Absolven os catro sospeitosos de secuestrar ao socio de Pelopincho en Pontevedra en 2010
Por Natalia Puga |
-
O inesperado testemuño da muller do socio de Pelopincho pecha o xuízo pola súa desaparición
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan arquivar a causa pola desaparición forzosa dun suposto narco ante a ausencia da súa esposa, testemuña crave
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |