Voluntarios retiran máis de 220 quilos de plásticos da praia de Lourido
Por Almu Dapena
Convocados polo grupo local de Greenpeace Pontevedra un grupo de 60 persoas voluntarias recolleu plásticos este sábado na praia de Lourido. Esta mesma acción desenvolveuse de maneira simultánea noutras localidades españolas.
No areal de Poio recolléronse uns 220 quilos de plásticos, unhas cincuenta grandes bolsas cheas na súa maioría de envases, ademais doutros voluminosos tan rechamantes como un extintor ou unha roda de tractor que estaba enterrada e para cuxa retirada foi necesario un guindastre do Concello.
O coordinador do grupo local de Greenpeace explicou que o obxectivo das recollidas é realizar "unha auditoría dos envases plásticos que hai en ríos e costas" e demandar ás empresas "o fin de envases de usar e tirar", e ás administracións unha regulación máis esixente.
Greenpeace ven de presentar o informe "Maldito Plástico: reciclar non é suficiente" que demostra que apenas se recuperan o 25,4% dos envases plásticos que se consomen en España, lonxe das cifras oficiais publicadas pola Administración ou os sistemas integrados de xestión de residuos.