Tarde dos Pepes e das Pepitas
Por Redacción
O colectivo Máis Cantos e o Concello de Marín recuperan a tradicional festa das cantadas e serenatas na Tarde dos Pepes e das Pepitas ofrecendo un roteiro cantado polas prazas e rúas da vila onde a voz e o canto tradicional, popular e de taberna centrarán un repertorio no que as cantigas de Marín serán as protagonistas.
O vindeiro 19 de marzo, ademais de cadrar en festivo é o día escollido para que dende as 19:00 horas a festa Máis Cantos se poña en marcha. Participarán as cen gorxas do colectivo Máis Cantos de Marín, Lourido e Pontevedra.
Xa fun a marín, Vivir en Marín, Marín del Alma, De Marín a Portonovo ou como non, O Rodaballo, serán algunhas das pezas centrais desta serenata onde non faltarán as cantigas máis emblemáticas do repertorio tabernario, guiadas polo mestre de canto Nelson Quinteiro, o acordeonista David Álvarez Caneda, o gaiteiro Iago Prieto e moitos músicos e amigos convidados.
Animan a todo aquel que queira vir cantar e armar festa para que acudan vestidos de branco e portando ramallos e frores brancas.
Máis Cantos non é un coro, nin unha comparsa, nin un orfeón, e tampouco ofrecen un concerto. Din que son "unha experiencia de vibración conxunta".
A cita é ás 19:00 horas no Parque Eguren e de alí percorrerán, praza por praza un itinerario marcado con máis de 20 pezas coñecidas por todos.