O levantamento topográfico na PO-234 anticipa o comezo dunhas obras longamente demandadas
Por Redacción
As obras da segunda fase da estrada autonómica PO-234, entre Ponte Caldelas e o pobo caldelán de Laxoso, están xa máis próximas. Nos últimos días, unha empresa de topografía colocou sobre o terreo as marcas para adaptar os planos ao terreo. O alcalde, Andrés Díaz, comprobou a realización destes traballos e foi informado polos operarios de que se están a realizar lixeiras correccións para mellorar aínda máis a seguridade viaria nas perigosas curvas cegas de Laxoso, auténtico punto negro no que se teñen producido numerosos accidentes.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi satisfeito do anuncio da Consellería de Infraestruturas para a licitación dunha obra longamente demandada e que, de feito, Ponte Caldelas levaba agardando xa uns 20 anos, dende que foi anunciada por vez primeira á veciñanza de Laxoso.
As obras foron licitadas por un importe de saída de 650.000 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o próximo día 1 de abril, polo que en Ponte Caldelas existe a certeza de que serán adxudicadas esta primavera e desenvolveranse ao longo do ano.
O proxecto da Consellería de Infraestruturas prevé a actuación no tramo de 2,16 quilómetros, desde o final da travesía de Ponte Caldelas, no punto quilométrico 0+420 ata a entrada da travesía de Laxoso, no punto quilométrico 2+580. A vella calzada, deseñada e construída no século XIX, pasará a contar un ancho de 7 metros con pequenas rectificacións do trazado.
Dende o Concello de Ponte Caldelas, que sempre se ten ofrecido para colaborar á execución desta obra, así como da terceira fase (Laxoso-Portasouto, aínda por licitar) solicitouse tamén á Consellería de Infraestruturas que se aproveiten estas obras para construír unha senda peonil-ciclista, aínda que, polo momento, non se recibiu resposta.
Relacionadas:
-
A Xunta inicia a segunda fase das obras na estrada PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
Prevén iniciar en setembro a reforma da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez confirma que en abril vai avanzarse nas expropiacións para a segunda fase da mellora da PO-234
Por Redacción |
-
A mellora da estrada entre Ponte Caldelas e Laxoso, licitada por 650.000 euros
Por Redacción |
-
A Xunta inicia as expropiacións para a mellora da PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |