Pontevedra pecha co encontro de ministros e alcaldes a súa presenza na OCDE
Por Redacción
Pontevedra participou este martes na sétima reunión de ministros e alcaldes da OCDE, celebrada no Megaron Athenas International, coa que concluían os encontros a porta pechada do organismo económico internacional no que Pontevedra participou por vez primeira da man do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
O encontro desta mañá estaba organizado pola cidade de Atenas e o Ministerio de Economía de Grecia, e estiveron presentes todos os alcaldes e alcaldesas que onte participaron na cuarta reunión de Champions Mayors na capital grega.
Nesta martes os asistentes, especialmente os gobernos, intercambiaron ideas, experiencias e boas prácticas de como poder atender conxuntamente ás megatendencias, é dicir, a globalización, os cambios demográficos, a dixitalización, o cambio climático...
Desta reunión saíu aprobada a ruta de Atenas, que tamén ratificou a cidade do Lérez, e que a OCDE dará a coñecer en breve. O acto rematou coa tradicional foto de familia.
Durante a súa estancia na capital grega, a delegación pontevedresa intensificou os contactos para continuar ampliando a súa axenda internacional para a promoción da cidade do Lérez.