Que facer en Terras de Pontevedra en familia e con choiva?
A choiva nunca foi un impedimento para gozar das Rías Baixas: os soportais nas cidades, como os de Pontevedra, a tradición dos contos de lareira, descubrir algún recuncho armados cunhas boas botas e un paraugas… Pero existen ademais moitas alternativas para visitar sen mollarnos.
Deixámosvos ideas para seguir explorando Terras de Pontevedra coa familia, tamén cando chove:
1- MUSEO DE PONTEVEDRA
O Museo de Pontevedra é un dos museos máis representativos da historia, arqueoloxía e arte de Galicia. Os seus fondos repártense en seis edificios diferentes: Castro Monteagudo, García Flórez, Fernández López, Sarmiento, o Sexto Edificio e as ruínas do Convento de San Domingos.
Cada un dos edificios acolle coleccións diferentes. Entre as que chaman máis a atención dos pequenos da casa atópanse:
- A colección de arqueoloxía e xoiería prerromana e romana
- A cociña tradicional galega
- A reprodución da cámara da fragata Numancia
- A colección de Castelao
- A colección asiática-oriental
Nos meses do verán, vacacións e datas sinaladas, o museo organiza obradoiros para nenos de todas as idades e visitas guiadas especiais.
2- CENTRO DE INTERPRETACIÓN DAS TORRES ARCEBISPAIS (CITA)
O CITA é un pequeno museo que permite coñecer un pouco máis a fondo a historia da cidade de Pontevedra. O espazo aproveita o foso defensivo do pazo-fortaleza das torres arcebispais, descuberto nas obras da avenida de Santa María.
Conta con numerosos elementos interactivos, pantallas táctiles e xogos, que percorren o pasado medieval e o poñen en contexto coa cidade de hoxe en día. Así como nos amosan como se defendía a cidade a través da escarpa, a contraescarpa e a ponte levadiza.
3- CASA MUSEO CRISTÓBAL COLÓN
A Casa Museo Cristóbal Colón é un deses museos pouco coñecidos nos que explorar o pasado mariñeiro de Galicia. Partindo da tese da orixe galega de Cristóbal Colón, e con base nos estudos de Celso García de la Riega, este espazo conta con numerosos contidos audiovisuais e unha interesante colección de documentos e estudos, entre os que se inclúe unha réplica da carta náutica de Juan de la Cosa, do ano 1500.
Ademais, aséntase sobre a Casa da Cruz, que pertenceu á familia Colón na Idade Media e moi preto do barrio da Moureira, no que se construíu a nave capitá Santa María.
4- CENTRO ARQUEOLOXICO DA CAEIRA
O centro de interpretación, Centro Arqueolóxico da Caeira, atópase anexo á oficina de turismo de San Salvador de Poio. Trátase dun pequeno espazo expositivo de visita gratuíta no que podemos coñecer os petróglifos da zona e a súa historia.
Instalacións didácticas, vídeos e distintos elementos multimedia intentan explicar a orixe dos petróglifos e mostran como foi o descubrimento dos gravados da zona e as aportacións do arqueólogo Ramón Sobrino Buhígas, quen deu a coñecer as pedras e gravados que atopamos no veciño barrio da Caeira.
O centro conta tamén cunha réplica do petróglifo Pozo Ventura, dunhas características excepcionais dentro dos petróglifos galegos e que recordan aos atopados na Bretaña Francesa ou Irlanda.
5- CLAUSTROS DO MOSTEIRO DE SAN XOÁN DE POIO
O Mosteiro de San Xoán de Poio é Monumento Histórico-Artístico dende 1970. En realidade, trátase de dous mosteiros: o antigo convento beneditino e un moderno monasterio mercedario, construído orixinalmente para ser seminario e que na actualidade se adica á hospedaría turística.
No exterior, atopamos o famoso hórreo de tres pés. É o de maior capacidade de toda Galicia e un dos de maior lonxitude. Ademais, a diferenza dos hórreos comúns, conta con tres filas de pés.
Xa no interior do convento beneditino, destaca o Claustro da Portería, de metade do século XVIII e cun gran mosaico de 200 metros cadrados do Camiño de Santiago; o Claustro Procesional, de fermosas bóvedas estreladas e unha fonte barroca; así como a Igrexa, construída no século XVII e cun bonito retablo de estilo churrigueresco, do século XVIII.
6- PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro é o espazo perfecto para adentrarse nos segredos dunha das rexións con maior concentración de petróglifos de toda Europa, mesmo cando chove.
O parque conta cun museo interactivo no que, grandes e pequenos, poden seguir os pasos dos homes e mulleres da Idade de Bronce, aprender como realizaron os gravados e descubrir as diferenzas e semellanzas cos do resto de Europa. Conta ademais, no seu interior, con algunhas reproducións dos petróglifos máis representativos de Galicia.
A esta parte expositiva, únese un itinerario ó aire libre de mais de 3 quilómetros de lonxitude. O parque organiza tamén numerosas actividades e obradoiros para familias e nenos de tódalas idades nos que poderán aprender cousas novas sobre a Idade de Bronce, a arqueoloxía e as lendas e historias que se agochan tras dos gravados de arte rupestre.
7- MUSEO MUNICIPAL DE MARÍN MANUEL TORRES
O Museo Municipal de Marín acolle 77 obras do pintor Manuel Torres, nado nesta localidade en 1901. A colección, con grandes influencias de Maside e Castelao, abarca case todas as disciplinas e correntes.
Ademais de todas estas propostas, saborear a marabillosa gastronomía galega dende as terrazas cubertas de Combarro ou pasear pola zona comercial aberta de Pontevedra, poden ser tamén unha grande alternativa para gozar da nosa visita á Ría de Pontevedra cando chove.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org