Meis e Barro celebran mundialmente o día Internacional do Cocido
Por Almu Dapena
Con motivo da celebración do Día Internacional do Cocido, o 23 de marzo, Barro e Meis organizaron a V edición do 'Cocido Day'. Trátase dunha iniciativa gastronómica que consiste en compaxinar á mesma hora en distintos locais de España, Portugal ou o resto do mundo, comer cocido e contalo ao 'mundo 2.0' a través das redes sociais co hastag '#CocidoDay'.
Mesas organizadas en Barro e Meis encheranse de turistas que difundirán a través das redes sociais esta iniciativa aberta a todo o mundo, posta en marcha para "exportar o noso prato máis recoñecido ao mundo, o cocido galego", explica Faustino Batallán, blogger participante neste evento.
Aproveitando esta quinta edición, celebraranse diversas actividades paralelas relacionadas co mundo da gastronomía e o turismo que gozarán os asistentes ao Novavila Wine Desing Hotel, restaurante oficial para esta celebración, onde se prevé que acudirán persoas desde Madrid e diferentes puntos de Galicia para gozar do turismo e da gastronomía da zona.
A xornada comeza en Barro, e guiados por Batallán, visitarán lugares como o Monte de Chan en Agudelo, os cruceiros e o Camiño Portugués ou a igrexa románica de Agudelo.
En cada mesa do local haberá un responsable, que xunto a todas as persoas que destacan pola súa presenza nas redes sociais ou medios de comunicación, sentarán a gozar o cocido para ir comentando, informando e degustando este prato estrela da gastronomía galega.