A Vía Mariana empeza a ser visible en Cuntis, Moraña e Campo Lameiro
Por Redacción
Cuntis, Moraña e Campo Lameiro avanzan cara á consolidación da Vía Mariana luso galaica, un percorrido relixioso e sociocultural entre Braga e Muxía impulsado por Luis do Freixo e José de la Riera.
Esta semana organizáronse unha serie de reunións de traballo e visitas de supervisión da ruta na comarca aproveitando a presenza na comarca de Anne Chantal, unha peregrina vietnamita residente en Alemaña, e este mércores comezaron coa instalación da sinalización desta ruta xacobea.
Anne Chantal, que se despraza en cadeira de rodas e que está moi interesada nos roteiros xacobeos, achegouse na xornada deste mércores ata o convento benedictino de San Bieito de Cuntis, onde estivo reunida cos rexedores de Moraña, Cuntis e Campo Lameiro, Luisa Piñeiro, Manuel Campos e Julio Sayáns. Este martes xa estivera no Santuario dos Milagres de Amil, onde falou coa alcaldesa de Moraña e co párroco deste templo.
A recepción deste mércores foi impulsada por Luis do Freixo para inaugurar a colocación da sinalización informativa da Vía Mariana de xeito simbólico. Así, os tres alcaldes pintaron as tradicionais frechas en azul e amarelo e colocaron adhesivos co mesmo logo identificativo.
Esta nova ruta de peregrinación, na que se implicaron administracións e axentes veciñais, culturais e sociais, vai seguir avanzando a súa visibilidade na comarca a través da convocatoria dunha xornada aberta para colocar os fitos informativos nos municipios do norte da provincia.
A alcaldesa de Moraña explicou que a próxima colocación da sinalización "será o derradeiro paso antes de que o novo roteiro, que xa está funcionando, quede completo e plenamente operativo para os caminantes" e destacou especialmente "a historia de superación e esforzo de Anne Chantal e ademais co mérito de estar sempre cun sorriso e con toda a amabilidade do mundo".
Desde o Concello de Cuntis destacan que veciños dos tres concellos están a traballar de maneira conxunta para acondicionar a senda pola que transcorre o camiño e axudando coa sinalética. A boa sintonía que existe entre os veciños e ás institucións escenificouse este mércores durante a visita ao convento benedictino de San Bieito de Cuntis.
Relacionadas:
-
Moraña anima aos veciños a participar no roteiro en apoio á Asociación de Transplantados Medulares
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e A Lama reciben entre aplausos á caravana arriera que percorre a Vía Mariana
Por Redacción |
-
Posta de longo da Vía Mariana en Moraña cunha peregrinación aos Milagres de Amil
Por Redacción |
-
A Vía Mariana celebra en Cuntis a súa asemblea de socios
Por Redacción |
-
Moraña e Cuntis apoian a Vía Mariana e sinalizarán o seu paso pola comarca
Por Redacción |