Un mozo acepta seis anos de prisión pola agresión sexual a unha menor de 16 anos á saída dunha discoteca
Por Natalia Puga
Un mozo aceptou cumprir seis anos de prisión como autor dun delito de agresión sexual a unha moza de 16 anos nunha rúa sen saída situada moi próxima a unha discoteca de Tui en decembro de 2016.
O mozo debería sentarse no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra este xoves, pero evitouno tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía que se ratificou xa nun despacho, sen necesidade da celebración do xuízo.
En virtude deste acordo, recoñeceu os feitos que lle atribuía o fiscal e asumiu estes seis anos de prisión e tamén a prohibición de aproximarse á súa vítima, o seu domicilio, lugar de traballo/colexio ou calquera outro frecuentado por ela a unha distancia inferior a 500 metros. Tampouco poderá comunicarse con ela por calquera medio, directo ou indirecto, por tempo de dez anos.
Ademais do delito de agresión sexual, tamén recoñeceu un delito leve de lesións polo que cumprirá unha multa de dous meses a razón de nove euros diarios, isto é, 540 euros. Inicialmente, enfrontábase polas lesións a unha multa de 810 euros e pola agresión, a 14 anos de prisión, pero finalmente reduciuse a condena por ambos os delitos.
No caso da violación, o fiscal consideraba inicialmente que era autor dun delito de agresión sexual agravado por tratarse dunha situación de abuso de superioridade por parte do acusado, pero finalmente decidiu manter o delito de agresión sexual, pero non aplicarlle o tipo agravado ao reservarse a casos nos que o autor sexa un familiar máis directo ou en circunstancias que non se cumpren neste caso.
O fiscal mantén o seu relato de feitos, segundo o cal o acusado e a vítima estaban xuntos nunha discoteca e saíron ao exterior de mutuo acordo. A moza, que si quería saír con el á rúa, rexeitou a partir de aí outras propostas do mozo. Así, negouse a afastarse con el, pero suxeitouna por un brazo dereito e tirou dela, aproveitando que se atopaba baixo a influencia do alcol.
A moza bebera e sentíase mareada, chegando a perder o equilibrio e caer ao chan. O acusado aproveitou ese momento para levala a unha rúa sen saída próxima á discoteca. Alí propúxolle manter unha relación sexual que ela rexeitou, accedendo unicamente ao sexo oral.
A pesar da negativa dela, el desatendeuna, empuxouna fortemente polos ombreiros facéndoa caer ao chan de costas. Nese momento, púxose sobre ela, e aproveitando o seu decaimiento físico consecuencia da previa inxesta de alcol e a súa curta idade, rompeulle a roupa e violouna.
O acusado exerceu gran violencia sobre a súa vítima. Losqueouna en varias ocasións e cuspiulle á cara mentres ela lle pedía que parase e tentaba incorporarse sen éxito debido á forte presión física que exercía sobre ela. Causoulle diversas lesións.