A historia de Cerdedo-Cotobade nunha película 3D
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar un pioneiro proxecto educativo, turístico e audiovisual consistente na elaboración dunha curtametraxe de animación en tres dimensións que conta a historia e os principais valores do municipio e que está pensada principalmente para un público infantil e familiar.
Este traballo audiovisual vén de ser presentado polo presidente municipal, Jorge Cubela, e polo xornalista pontevedrés Rodrigo Cota, que foi o encargado de coordinalo, nos tres colexios públicos do concello, Tenorio, Carballedo e Cerdedo.
O traballo, que se presenta baixo o título "Comba. Coñece a nosa historia" e ten unha duración de case dez minutos, arranca con dúas personaxes, a nena Comba e o seu canciño Buxo, que fan un percorrido polos lugares históricos e monumentais máis significativos de Cerdedo-Cotobade, dando a coñecer o patrimonio histórico, arqueolóxico, paisaxístico e inmaterial.
Este proxecto ten como principais obxectivos a posta en valor e a divulgación do patrimonio existente no termo municipal, o fomento do turismo familiar, facilitar que a cativada do concello coñeza a súa historia e patrimonio e dispoñer dunha ferramenta cun gran potencial divulgativo de fácil acceso dende calquera lugar do mundo a través das novas tecnoloxías.